28-M

As eleccións municipais en Ourense, a debate en 'Nós Diario'

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás Alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Rematamos esta xeira con Ourense recollendo as opinións do candidato do Partido Popular, Manuel Cabezas, e o cabeza de lista do BNG, Luís Seara. Na data de publicación destas entrevistas, 'Nós Diario' non obtivo resposta do actual alcalde e candidato á reelección por Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Xácome, nin do candidato do PSdeG, Francisco Rodríguez.
Manuel Cabezas (PP) e Luís Seara (BNG).
photo_camera Manuel Cabezas (PP) e Luís Seara (BNG).

Ourense preséntase este 28 de maio como unha das cidades máis disputadas, e con máis complexa conformación de pactos poselectorais, de todo o país. O mandato de Gonzalo Pérez Xácome non estivo exento de polémica nin nos inicios nin agora que resta menos dunha semana para que a veciñanza decida o rumbo que tomará o municipio os próximos catro anos; todo o contrario, pois o rexedor centrou durante o último mes os titulares da prensa por mor da filtración de audios comprometedores nos que estaría a admitir a comisión dunha serie de presuntas irregularidades.

Xácome, que encabezou en 2019 a terceira lista máis votada após as de PSdeG e PP, puido gobernar grazas a un pacto cos 'populares', que chegaron a entrar no seu goberno e que acabaron rachando o pasado verán o seu acordo con Democracia Ourensá logo de tomar as rendas da formación o que fora alcalde da cidade entre 1995 e 2007, Manuel Cabezas. E o novo candidato do PP desbota reiteradamente, cando menos durante a campaña, reeditar calquera tipo de pacto co actual rexedor.

Atendendo ás enquisas non semella que algunha formación poida obter a maioría absoluta, e neste escenario encádranse as declaracións desta mesma terza feira do secretario xeral dos socialistas na Galiza, Valentín González Formoso, abrindo a porta a un posíbel acordo con Cabezas e delegando esta decisión no seu candidato, Francisco Rodríguez, que ten "plena autonomía" en Ourense e de quen, da mesma forma que aconteceu con Gonzalo Pérez Xácome, este xornal non logrou obter unha resposta no momento de publicar estas entrevistas.

Si participou, pola súa parte, o candidato do BNG, Luís Seara, cuxa formación obtivo nos anteriores comicios dous asentos e que, segundo as últimas enquisas, podería mesmo duplicar a súa representación no consistorio ourensán.

Manuel Cabezas (PP): "O pacto con Xácome non debeu producirse e en ningún caso pode repetirse"

O candidato do PP rexeita ser "crítico" con Gonzalo Pérez Xácome, pois desde que deixou a Alcaldía en 2007, asegura, comprometeuse a "non criticar os alcaldes". Nesta entrevista el limítase a "facer unha crónica" do que percibe na cidade, e o resultado é, en calquera caso, pouco positivo no que atinxe á súa valoración do último mandato. "Eu o primeiro que fixen ao ver iso foi romper ese Goberno, porque entendía que non era posíbel gobernar nesas condicións e cría correcto que o PP tomase un camiño distinto", subliña.

Cabezas só valora un escenario: o da maioría absoluta do PP."Non son sospeitoso de que ese pacto [con Xácome] poida repetirse porque o rachei nada máis chegar ao PP, cando asumín as competencias a nivel local o primeiro que fixen foi rachar ese goberno, porque non creo niso", di.

Luís Seara (BNG): "Se algo caracterizou este mandato foi o secuestro do Concello por parte de Xácome"

Quen si é especialmente crítico con Pérez Xácome é o cabeza de lista do Bloque, Luís Seara, que non dubida en afirmar que o actual rexedor foi o gran protagonista deste último mandato por "secuestrar" o Concello. "Mais peor que a parálise administrativa é a degradación política e institucional sen precedentes que estamos a padecer pola irresponsabilidade do PP", lamenta.

"Consecuencia diso temos agora mesmo un Concello sumido na desesperanza, que perde peso poboacional, pulo económico e que expulsa ás nosas mozas e mozos ao non ver expectativas de futuro na súa propia casa, algo que resulta terríbel", engade Seara.

Comentarios