Candidato do PP

Manuel Cabezas: "O pacto con Xácome non debeu producirse e en ningún caso pode repetirse"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. O ex alcalde Manuel Cabezas é o candidato do PP á Alcaldía de Ourense.

O candidato 'popular' á Alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas. (Foto: PP)
photo_camera O candidato 'popular' á Alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas. (Foto: PP)

—Que balance fai desta última lexislatura con Gonzalo Pérez Xácome á fronte do Goberno de Ourense? Como mudou a cidade neste tempo?
Non vou entrar a falar do alcalde, falo do Goberno municipal en xeral porque considero que é o que debo facer, e paréceme oportuno facelo así. O Partido Popular estivo no Goberno nun primeiro momento despois de pactar con Democracia Ourensá, algo que tería feito tamén o Partido Socialista, mais eles querían a Deputación e o Concello, polo que aquela negociación non foi adiante.

Eu levo 16 anos afastado da política e fun un observador. Eu fixen unha análise no mes de xullo que foi cando tomei a responsabilidade de levar a política do meu partido a nivel local. A miña valoración era nefasta no relativo ao Goberno da cidade de Ourense, non por parte do Partido Popular xa que aquelas persoas do meu partido que tiñan competencias no Concello eran incapaces de levar adiante o seu traballo porque había continuas interferencias por parte do outro partido. Eu o primeiro que fixen ao ver iso foi romper ese Goberno, porque entendía que non era posíbel gobernar nesas condicións e cría correcto que o PP tomase un camiño distinto.

É a corporación que máis recursos económicos tivo, polos remanentes de tesouraría, para poder facer un cambio substancial na cidade, e, porén, non existe ningún proxecto de futuro que poida mudar o seu rumbo, no que todo o que se fixera nos 12 anos nos que eu fora alcalde deteriorouse e non hai nada significativo que faga entrever que no futuro de Ourense poida haber maior xeración de emprego, de riqueza, que o turismo ou a hostalaría se desenvolvan como deben... Todo o contrario.

Non se debeu pactar con Xácome, pero que quede claro tamén que se non o fixese o PP, faríao o PSOE

—Vostede foi especialmente crítico con Gonzalo Pérez Xácome desde o seu retorno ao liderado do PP local e tamén máis recentemente. Desbota calquera posíbel pacto con DO malia que esa fose a única forma de que o PP entrase no goberno após as eleccións?
Eu non fun crítico nunca co alcalde, non fixen críticas, fixen unha crónica do que estaba a ver en Ourense, o que penso que se fai mal, o que non se fai, como se dilapidan recursos en obras innecesarias, como non se escoita o cidadán, que ten unhas necesidades que non se atenden... Fixen máis unha crónica que unha crítica, porque cando marchei en 2007 propúxenme non criticar ningún alcalde. Non son sospeitoso de que ese pacto poida repetirse porque o rachei nada máis chegar ao PP, cando asumín as competencias a nivel local o primeiro que fixen foi rachar ese goberno, porque non creo niso.

No escenario no que me movo, é o que tivemos naqueles 12 anos nos que gobernamos entre 1995 e 2007, o da maioría absoluta. Non podo deixar de contestar a esa pregunta e para min, desde logo, ese pacto non debeu producirse. Pero que quede claro tamén que se non o fixese o PP, faríao o PSOE.

Logo cando eu chego en xullo e ordeno a ruptura do Goberno local o Partido Socialista falaba de propor unha moción de censura. Nós ofrecímoslle apoio para que fose alcalde quen eles mesmos dixesen de entre os concelleiros do seu grupo, e sendo eles os promotores, abortárona. Creo que deixei ben claro desde o primeiro momento que en ningún caso ese goberno pode reproducirse nunca máis. Queremos gobernar Ourense con maioría absoluta ou como lista máis votada para facer un proxecto de cidade que marque un futuro que hoxe non existe mais que podemos recuperar.

—No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
No seu día, cando fixemos a gran transformación termal nas marxes dos ríos, tentamos que se construíse en Ourense o primeiro hotel balneario onde existira sempre unha casa de baños. Ese proxecto estaba moi avanzado mais o Goberno bipartito PSOE-BNG da Xunta declarou ben de interese cultural a zona e non se puido desenvolver. Naquel intre dixen que o proxecto non se faría naquel ano e que pasarían 25-30 anos sen termos ese primeiro hotel balneario, e así seguimos hoxe. Ourense podería ser indubidabelmente a capital termal do Estado español, non só da Galiza.

Ademais de recuperar todo o que fixemos en materia de termalismo, queremos aproveitar ese potencial e que en Ourense haxa máis dun balneario. Coa colaboración da Xunta temos que tratar de impulsar investimentos empresariais neste sector, que penso que é o futuro máis importante que ten a cidade.

Ourense ten un casco histórico que hoxe cae a pedazos, que se deteriorou desde que nós iniciamos a súa recuperación en 1996, mais é un reclamo turístico importantísimo. Ourense é unha cidade de ríos, que ten pontes, ribeiras, pasarelas, e temos que seguir a construílas. Ourense ten unha gastronomía e unha riqueza cultural tremenda, e estamos a desaproveitar estas potencialidades, porque se abandonou ese proxecto de futuro que nós tiñamos. E moitas outras cousas: non se escoita as asociacións de veciños, non se escoita o rural, non se escoita os colectivos de xente que entrega a súa vida para axudar aos demais, dilapídanse os cartos en obras absolutamente innecesarias... Sinto tristura e vergoña polo que vexo na cidade nestes últimos catro anos, e isto hai que mudalo.

Todos os colectivos coinciden en que o Concello non os escoita, e mesmo chega a agredilos verbalmente

—Cales serían as súas propostas para aumentar a participación cidadá no municipio?
Hai que facer o que estou a facer agora sen ser aínda alcalde, sendo só un candidato. Estou a percorrer as asociacións de veciños, o rural, falando con todos os colectivos sociais... Levo uns cinco meses reuníndome con todo o mundo na cidade, escoitándoos e coñecendo as súas necesidades, e todos coinciden en que agora non se lles escoita. Cando eu era alcalde traballabamos conxuntamente cos veciños, eles trasladaban as súas necesidades e priorizábanas. O Concello atendía esas prioridades marcadas polos veciños. A participación cidadá é fundamental e hai que recuperala, e así o estamos a facer xa.

—Que actuacións realizaría para mellorar a situación actual do casco vello da cidade?
No seu momento creamos unha oficina do Plan especial de rehabilitación interior do casco histórico, recuperamos rúas, prazas, rehabilitamos case 900 vivendas, locais para que o mundo artesanal se instalase alí, un edificio de promoción de iniciativas empresariais, o Concello comprou edificios e rehabilitounos para instalar dependencias municipais... En definitiva, fixemos unha transformación integral, pero todo iso abandonouse.

Hoxe estamos invadidos por ratas, termitas, valados por todas as rúas por perigo de derrube de fachadas de edificios... E todo iso é porque non se lle dá prioridade. O casco histórico é fundamental, Ourense naceu canda as Burgas, temos unha catedral que é unha xoia, e grazas a todo iso podemos unir gastronomía e comercio. Naquela época acondicionamos ríos e fachadas, fixemos 17 quilómetros de paseos naturais arredor dos ríos, facendo un circuíto fechado con pasarelas. Ourense ten 70 km de percorridos por sendas que unen a cidade cos bosques marabillosos que nos rodean. Ese concepto hoxe non existe, estamos absolutamente abandonados en todo aquilo que nos pode converter nun atractivo. Nunha cidade así pódese vivir e traballar, e en definitiva fixar poboación.

Cando a xente se sente a gusto onde vive, inviste, e iso xera máis riqueza

—Un dos temas que máis preocupa á poboación é o desemprego. Cal serían as súas propostas para crealo no municipio?
O primeiro é aproveitar ese recurso natural tan potente como a auga termal. Temos que recuperar o termalismo, iso xera riqueza, turismo e emprego. E a chegada de máis xente tamén axudaría o comercio e a hostalaría. Mais hai que darlle seguridade xurídica, temos que aprobar un Plan xeral de ordenación urbana. De feito, a construción era en Ourense 15% do PIB, polo que recuperar iso é recuperar emprego. Cando a xente se sente a gusto onde vive, inviste, e iso xera máis riqueza. Sei que somos capaces porque xa o fixemos unha vez.

—As termas de Ourense son un símbolo para a cidade e serviron como reclamo turístico. Que lle parece o seu estado actual e como deberían potenciarse?
Prodúceme unha tremenda tristura e anguria escoitar a xente que vén a Ourense e, cando pregunta como pode ir ás termas, a resposta é que están fechadas. Estiven no Xapón en 1995 e o modelo termal tróuxeno de alí. O primeiro balneario que construímos foi o da Chavasqueira, e fixémolo con técnicos xaponeses. Un balneario construído en madeira, sen unha soa peza metálica. Iso mudou hai catro anos e aínda non se reconstruíu. As termas están baleiras, non teñen auga, non se atenden. É unha auténtica tolemia o que pasou nestes catro anos, e foi porque non se marcou como prioridade. É unha cuestión de desleixo.

É importante construírmos o primeiro balneario, e despois do primeiro chegará o segundo, e o terceiro. Ourense ten que tornar en capital termal, e nisto, que ninguén fixo aínda, traballaremos desde o primeiro día.

As zonas de baixas emisións son fundamentais e para nós nesta cidade é o casco histórico

—Que actuacións debería acometer o Concello en materia de mobilidade?
É fundamental recuperar a peonalización do casco histórico. Nestes últimos catro anos o tráfico neste emprazamento tornou en algo absolutamente inasumíbel. Hai que peonalizalo porque se non non é posíbel a súa recuperación. As zonas de baixas emisións son fundamentais e para nós nesta cidade é o casco histórico. Xa o fixéramos naqueles 12 anos e conseguíramolo. Traballaremos por construír un vial como alternativa ao tráfico das rúas do Progreso e Marcelo Macías, que absorve a maioría do tránsito. A entrada á cidade sería directa por un boulevard de menor lonxitude da que ten hoxe o acceso. Así baixaremos tamén as emisións.

E tamén é importante recuperar o transporte urbano que a xente precisa, e traballar niso desde os cimentos até o tellado, a diferenza do que fai esta corporación, que o primeiro que fai é mercar autobuses cando non hai que mercalos sen saber ben canta xente hai. Temos que coñecer as necesidades de transporte, enlazando o rural co centro, os centros de saúde e o hospital coa xente.

—A chegada do AVE beneficiou directamente á cidade? Se é así, en que sentido?
Temos que aproveitalo desde o primeiro momento, independentemente de que non teñamos nada que ofertar nas condicións en que nós entendemos que hai que facelo. Pero temos que reforzar esa chegada de xente co AVE facendo xusto o que comentaba antes, potenciando o termalismo, os ríos, o casco histórico... Mais precisaremos tempo para facelo e non podemos perdelo, temos que aproveitar o turismo que vai chegando a Ourense co que hoxe podemos ofrecerlle. Hai que seguir potenciando a chegada de xente emparellándoa con transformacións profundas na cidade, por iso falo da necesidade dunha maioría absoluta, porque iso axiliza os cambios.

Ourense se algo tivo sempre foi cultura, e temos que recuperala

—Nos últimos anos algunhas decisións municipais en materia de cultura foron polémicas. Que propón nesta área se chega á Alcaldía?
Nestes últimos meses reuninme con colectivos culturais, con moitas asociacións e colectivos que traballan o benestar social e a saúde, e teño moi claro que non só non se lles atendeu, senón que en moitas ocasións se lles agrediu verbalmente, desde o punto de vista da súa desatención absoluta. En materia cultural, que estea fechado o Museo Municipal é unha vergoña, que se eliminase a Banda de Música é unha vergoña, que se eliminase a Universidade Popular é outra vergoña... Hai que recuperar o Premio de Poesía Cidade de Ourense, o Festival do Pórtico do Paraíso... Podería continuar así, que ninguén se senta esquecido porque son innumerábeis os eventos. Ourense se algo tivo sempre foi cultura.

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
Creo que Ourense ten que ser un lugar cheo de servizos e oportunidades para as familias. Persoas maiores, mulleres, migrantes, persoas con diferentes capacidades... Hai que reorganizar os servizos sociais reducindo os tempos de demora e adaptando as axudas ás novas necesidades. Prométense axudas que logo non chegan, a xustifcación das axudas é un camiño imposíbel de percorrer. Non hai ningunha empatía con xente que atende persoas con necesidades de carácter sanitario ou con discapacidade. Hai pouco estiven nun acto de Down e escoitei o representante público municipal falar de cousas absolutamente sen sentido que até me dai vergoña repetir. Hai que recuperar a Escola Municipal de Saúde, que é fundamental. Ourense coida á xente, é o que fixo sempre, e temos que recuperalo. O reto é tremendo, pero ao mesmo tempo emocionante, porque todo isto foi agredido verbalmente e desatendido administrativamente.

Comentarios