Candidato do BNG

Luís Seara: "Se algo caracterizou este mandato foi o secuestro do Concello por parte de Xácome"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Luís Seara é o candidato do BNG á Alcaldía de Ourense.

Luis Seara, candidato do BNG á Alcaldía de Ourense (Foto: cedida).
photo_camera Luis Seara, candidato do BNG á Alcaldía de Ourense. (Foto: Cedida)

—Que balance fai desta última lexislatura con Gonzalo Pérez Xácome á fronte do Goberno de Ourense? Como mudou a cidade neste tempo?
Para falar da situación actual de parálise e caos no que está sumido o Concello de Ourense non podemos deternos unicamente neste mandato de Xácome como rexedor, mandato no que se agudizou unha situación de parálise que xa viña do mandato anterior co PP e Jesús Vázquez á fronte da alcaldía. Mais peor que a parálise administrativa é a degradación política e institucional sen precedentes que estamos a padecer pola irresponsabilidade do PP.

Consecuencia diso temos agora mesmo un Concello sumido na desesperanza, que perde peso poboacional, pulo económico e que expulsa ás nosas mozas e mozos ao non ver expectativas de futuro na súa propia casa, algo que resulta terríbel.

Fai falla un PXOM que dea seguridade xurídica a quen queira investir en Ourense

—No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
Nós non estamos en política para ser meros xestores, estamos en política para transformar a realidade e mellorar a calidade de vida das persoas a través dun proxecto transformador, e para transformar fan falla ferramentas. Fai falla un PXOM que dea seguridade xurídica a quen queira investir en Ourense, polo tanto o primeiro que faremos será o que levamos dicindo desde hai anos, unha nova exposición pública do Plan actualmente en trámite para a súa posterior aprobación definitiva.

—Que actuacións realizaría para mellorar a situación actual do casco vello da cidade?
A zona histórica de Ourense cae a pedazos froito dos anos de inacción dos Gobernos PP-DO. Os datos son terríbeis, perdeu preto de 2.000 habitantes, situándose agora mesmo nos 3.700 aproximadamente. Temos 1.500 vivendas baleiras e soamente o 9% dos locais comerciais ocupados. Cómpre darlle unha volta completa á situación e para iso fai falla ter claro o que se quere facer. No BNG entendemos preciso apostar pola rehabilitación de vivenda para pola no mercado a prezos tasados e accesíbeis, sobor de todo, para a xente moza que quere emanciparse e iniciar o seu proxecto vital. Cómpre revitalizar socialmente o barrio, o que conleva aparellada a revitalización económica e para iso é necesario mellorar os servizos e as infraestruturas así como dotar á zona histórica de novos equipamento que contribúan á fixación de poboación.

Apostaremos polo comercio local, por un modelo de turismo sustentábel, pola promoción cultural e deportiva como xeradores de riqueza

—Un dos temas que máis preocupa á poboación é o desemprego. Cal serían as súas propostas para crealo no municipio?
Desde o Concello pódense facer moitas cousas en relación ao emprego. No Concello de Ourense contábamos cun servizo de Promoción económica, cun viveiro de empresas e cun centro de iniciativas empresarias que funcionou moi ben e contribuiu ao nacemento e consolidación de empresas que a día de hoxe seguen sendo referencia nos seus sectores. Por desgraza, un dos méritos de Xácome no actual mandato é desmantelar precisamente dito centro.

No BNG temos claro que a súa reactivación e potenciación é máis necesaria ca nunca e así o faremos a partir do 28 de maio, ao igual que apostaremos polo comercio local, por un modelo de turismo sustentábel, pola promoción cultural e deportiva como xeradores de riqueza.

—As termas de Ourense son un símbolo para a cidade e serviron como reclamo turístico. Que lle parece o seu estado actual e como deberían potenciarse?

A situación é moi lamentábel por varias razóns e por culpa de varios actores todo hai que dicilo. En primeiro lugar porque temos un alcalde que se algo ten amosado é o seu desprezo absoluto a un dos principais elementos de xeración de emprego, de riqueza e de promoción turística.

Un potencial único que nos diferencia doutras cidades e nos permite ofertar un tipo de turismo diferente e que leva tempo en auxe. Mais non podemos quedarnos soamente na incapacidade manifesta do actual Goberno Local, a Xunta de Galiza ten moito que ver na situación actual.

No ano 2019 aprobou a Lei de aproveitamento lúdico das augas termais de Galiza, un texto que atentaba, tal e como xa advertiu o BNG durante o seu debate no Parlamento, chegando a ser a única formación política que presentou unha emenda á totalidade, contra o modelo termal de Ourense, algo que é constatábel neste momento. Unha lei que dificulta a reapertura dalguhas instalacións termais pero que mesmo deixa sen regular outras.

No BNG temos claro que o termalismo é un elemento en torno ao cal pivota o desenvolvemento económico, social e turístico de Ourense polo que cómpre darlle unha volta e ir un paso máis alá, por iso propomos a creación dun Consorcio termal no que estean presentes todas as administracións para coordinar, financiar e executar de maneira conxunta todos os proxectos que sitúen a Ourense á vangarda e na cabeceira das cidades termais de Europa.

O PMUS foi aprobado cun amplísimo consenso, mais leva todo o mandato durmindo o sono dos xustos nun caixón

—Que actuacións debería acometer o Concello en materia de mobilidade?
No BNG queremos converter ao Concello nun referente da mobilidade e iso pasa por reducir drásticamente o número de vehículos que entran cada día (150.000 diarios) e humanizar os espazos públicos xa que está demostrado que son favorecedores para o dinamismo social e económico. No Concello de Ourense temos aprobado desde o ano 2019 o PMUS, é dicir, o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel. Foi froito dun intenso traballo por parte de todos os sectores da sociedade ourensán. Un texto aprobado cun amplísimo consenso pero que leva todo o mandato durmindo o sono dos xustos nun caixón.

Nel aparecen recollidas todas e cada unha das medidas a implementar para mellorar a mobilidade e para facer de Ourense unha cidade accesíbel, cómoda, segura e vivíbel partindo dunha idea fundamental, invertir a pirámide de prioridades situando ás persoas na cúspide. No BNG témolo claro e por iso poremos en marcha unha Oficina técnica encargada de implementar as medias contidas no Plan.

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
Este é un dos ámbitos nos que tamén insistimos moito ao longo do presente mandato desde o BNG coa presentación de múltiples iniciativas tanto en Pleno como nas diferentes comisións. para nós os Servizos Sociais e a atención ás persoas é fundamental dentro da nosa acción de goberno. Desde o Concello non podemos escatimar esforzos nesta materia, e é máis, onde non chega a administración, sempre hai unha asociación ou un colectivo disposto a cubrir esas necesidades polo que é necesario que o Concello estea aí, apoiando e contribuíndo ao inmenso traballo que desenvolven.

No tocante ás propostas de futuro, xa anunciamos que aumentaremos o orzamento actualmente adicado ás axudas a entidades do terceiro sector para pasar dos 325.000 euros actuais ao millón de euros. Outra das propostas pasa por darlle aos Servizos Sociais o rango que desde o BNG entendemos ten que ter e por iso será un área de Goberno liderada e dirixida directamente desde a alcaldía do Concello así como reforzalos dotándoos de máis medios persoais e materias así como crear canles de participación coas entidades do terceiro sector.

Reactivaremos os espazos públicos, as rúas e as prazas como lugares de encontro e actividade cultural

—Nos últimos anos algunhas decisións municipais en materia de cultura foron polémicas. Que propón nesta área se chega á Alcaldía?
Desde logo, que a cultura terá un protagonismo moi importante dentro da acción de goberno do BNG no vindeiro mandato e por iso darémoslle o rango de vicealcaldía dado o grao de importancia que está adquirindo a nivel europeo como elemento transformador. Temos que ver a cultura como elemento democratizador da sociedade máis tamén como un elemento de xeración de emprego e riqueza. Recuperaremos e potenciaremos o ciclo festivo do que gozou Ourense até a chegada de Xácome.

Reactivaremos os espazos públicos, as rúas e as prazas como lugares de encontro e actividade cultural. Apostamos pola multiculturalidade, a produción propia, o asociacionismo cultural de base. A cultura propia e a lingua teñen que ser os alicerces sobre os que construamos o concello do futuro.

—Cales serían as súas propostas para aumentar a participación cidadá no municipio?
Resulta evidente que se por algo se caracterizou este mandato é polo secuestro, e digo ben, secuestro, da institución por parte do actual rexedor. Nós apostamos por un Concello coas portas abertas e as paredes de cristal. Un concello que resolva problemas e non contribúa a crealos. Reactivaremos os Consello municipais dándolle contido e periodicidade.

—A chegada do AVE beneficiou directamente á cidade? Se é así, en que sentido?
De entrada debemos matizar que o AVE como tal chegar, chegou a Taboadela, a Ourense chegará cando estea rematada a variante exterior. Dito isto, é evidente que a alta velocidade supón unha enorme oportunidade de futuro para Ourense, os datos de viaxeiros falan por si sos mais o certo é que levamos moitos anos falando da chegada do AVE pero sen que tanto no mandato anterior do PP como no actual de PP-DO nun principio e DO en solitario despois se fixera nada para preparar á cidade. Temos moitas eivas que cómpre corrixir canto antes pois corremos o risco de que os centos de visitantes que chegan agora mesmo a Ourense non vexan cumpridas as súas expectativas e iso é algo que xera frustación e a medio prazo pode supor un serio problema de credibilidade.

O AVE do mesmo modo que trae xente tamén a leva polo que é preciso artellar estratexias de valorización do noso patrimonio e dos nosos recursos turísticos pero non soamente para que nos visiten senón para que queden aquí. A chegada do AVE en Ourense debe ser unha oportunidade para transformar o barrio da Ponte e rematando coa fenda histórica do mesmo provocada pola praia de vías.

Comentarios