Educación culpa dos atrasos no inicio do curso á obriga de manter 1,5 metros de distancia entre o alumnado

O hemiciclo galego acolleu hoxe a comparecencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sobre o inicio do curso escolar. Durante a súa intervención, Rodríguez botou balóns fóra ao Goberno estatal culpándoo de convocar tarde a Conferencia Intersectorial de Ensino (27 de agosto), na que se decretou que a distancia nas aulas entre o alumnado tiña que ser de 1,5 metros. Para o conselleiro, esta decisión tirou pola borda o traballo feito pola Xunta para o arranque das aulas, xa que estipulaba 1 metro de separación entre os eixes das cabezas
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez (primeiro pola esquerda), no Parlamento galego.
photo_camera O conselleiro de Educación, Román Rodríguez (primeiro pola esquerda), no Parlamento galego (Imaxe: Arxina)

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, iniciou esta terza feira, 6 de outubro, as súas palabras na Cámara galega incidindo na "normalidade" do regreso aos centros educativos, "a pesar de ter que salvar un pecado orixinal que afectou a planificación do curso, principalmente en Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional", dixo.

"Ninguén en España entendeu que a 27 de agosto, ás portas do inicio de curso, decorrese a conferencia sectorial que modificou de forma substancial o traballo levado a cabo nas semanas anteriores cun cambio de criterio", aseverou Rodríguez en referencia ao acordo tomando na conferencia para que neses niveis educativos se mantivese un metro e medio de distancia entre o alumnado.  O conselleiro achacou o atraso do calendario escolar ao impacto desa medida sobre os borradores e protocolos que a Xunta tiña realizados. 

O BNG pide máis docentes

"Resulta abraiante o nivel de autocompracencia e desconexión coa realidade do sistema educativo", espetou o deputado do BNG Manuel Lourenzo ao conselleiro, ao tempo que lle recordou que a distancia entre alumnado planificada pola Xunta non era de 1 metro entre as esquinas das mesas, senón entre os eixos das cabezas das e dos estudantes, co cal estarían a incumprir todo tipo de recomendacións sanitarias.

"Vostede sabe que a OMS xa pedía un metro de distancia entre pupitres cando o 22 de xullo no seu protocolo non implementaron isto e seguiron mantendo a distancia dun metro desde os eixos das cabezas porque lles permitía aforrar en profesorado". Lourenzo tamén contestou os datos dados polo conselleiro, reprochando que nas súas contas sume 543 docentes como de nova contratación cando realmente están "a media xornada e non son computábeis ao fondo Covid-19 nin como reforzo da pandemia”, explicou. “Vostedes saben que cos fondos contra a Covid-19 poderían contratar 2.325 ensinantes e formalizaron menos da metade”, afirmou o nacionalista.

Ademais, o deputado puxo sobre a mesa propostas concretas que, segundo asegurou, lle foron trasladadas pola comunidade educativa: contratar profesorado para garantir o acceso ao ensino presencial, xestionar os espazos para permitir que o ensino presencial sexa efectivo, e non discriminar o alumnado de Infantil e Primaria, como o do CEIP Barcelos, expuxo, "que tivo que dobrar a súa ratio para nenas e nenos de tres anos en plena pandemia. 

“A semipresencialidade foi unha imposición de última hora ruín e inxusta coma poucas”, reprochou Lourenzo ao conselleiro. Neste sentido, reclamoulle que se comprometa a resolver os problemas derivados da fenda dixital, a estabelecer un protocolo claro para garantir a equidade no ensino, e demandou á Xunta que asuma as súas competencias en materia de limpeza dos centros de ensino, sen descargalas nos concellos.

En resposta a Lourenzo, o PP emprazou o BNG que exerza moderación e reprochou o apoio da formación nacionalista á CIG na convocatoria da folga do Ensino que decorreu en setembro. 

O PSdeG laemnta a deixadez da Consellaría

Luis Manuel Álvarez, deputado do PSdeG, cargou tamén contra o conselleiro por culpar do caos no ensino a conferencia de agosto. "O profesorado foi capaz de iniciar o curso, o cal está funcionando con certa normalidade grazas a eles, non a vostede", dixo o socialista. 
"Sería un exercicio de prudencia que se tivesen publicado instrucións para o ensino con anticipación, para que en xuño e xullo as e os docentes puideran elaborar os plans de continxencnia. Mais houbo que agardar ao 24 de setembro que envíasem un correo cun protocolo de prevención", lamentou o socialista.  

Para atender as novas necesidades derivadas das medidas e protocolos da pandemia son pouco máis de 1.100 as os profesores que se van incorporar, lamentou Álvarez. 

Comentarios