Persoal da limpeza das escolas denuncia a “explotación” por parte da Xunta

Vén de presentarse un conflito colectivo ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) para denunciar o que consideran un "abuso" da Consellaría de Educación. Acusan ao departamento de modificar as condicións de traballo sen negociar. 
EuropaPress_3335302_tareas_desinfeccion_limpieza_colegio_cartaya
photo_camera Unha traballadora desinfecta a aula dun colexio. (Foto: Europa Press)

Traballadoras e traballadores encargados da limpeza dos centros educativos públicos da Galiza acusan á Xunta de triplicar “a carga de traballo” con motivo da Covid-19 sen reforzar os cadros de persoal con novas contratacións. As operarias, que senten que padecen certa “explotación”, presentaron un conflito colectivo ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) para denunciar a súa situación e intentar dar cunha resposta xusta.

“Xa nos atopamos con cambios de horario de tarde a xornada partida ou, incluso, a horario nocturno de 22 a 06 horas”, contan as afectadas, que critican que a Consellaría de Educación por negarse a facer novos contratos para cubrir o aumento das necesidades.

Esta situación fixo que centrais sindicais denunciaran as condicións de traballo nas que comezaron o curso as e os encargados da limpeza de escolas, colexios e institutos. Sen ir máis lonxe o sector de Autonómica da CIG-Administración recorreu ao TSXG para presentar un conflito coletivo.

A organización basea esta denuncia no suposto “abuso e explotación laboral que está a padecer o persoal” por parte da “Xunta”.

Intento de reunións

Por exemplo, acusan á Consellaría de Educación de modificar as quendas de traballo sen ter unha negociación previa coa representación do persoal. Non só están afectadas polo cambio de horario, senón tamén porque hai que aumentar a desinfección dos espazos.

“Aumentou a carga de traballo de xeito insostíbel”, critican desde o sindicato. Sobre a última medida tomada, aseguran que antes presentaron alegacións contra a decisión do equipo de Feixoo e, mesmo, acudiron á inspección de traballo.

Como Educación deu a calada por resposta, pese a que aclaran que solicitaron “en innumerábeis ocasións xuntanzas” e rexistraron propostas a cada un dos protocolos, decidiron acudir ao Tribunal Superior.

“A pandemia non pode ser escusa para modificar a xornada laboral nin para triplicar a carga de traballo, xa que supón un desprezo ás tarefas máis esenciais para combater a crise sanitaria como son a hixienización e a limpeza”.

Comentarios