Unha discrepancia de 62 votos no barrio de Covadonga, en Ourense, pon en dúbida a data da investidura

A Xunta Electoral Central debe resolver a quen corresponden esas papeletas.

Pérez Xácome durante unha rolda de prensa (Foto: Agostime / Europa Press).
photo_camera Pérez Xácome durante unha rolda de prensa. (Foto: Agostime / Europa Press)

A Xunta Electoral Central deberá decidir se 62 votos do barrio de Covadonga pertencen a Ciudadanos ou a Democracia Ourensana (DO) despois de que esta formación presentase un escrito o pasado 3 de xuño para reclamar esas papeletas.

O líder de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Xácome, presentou dita reclamación despoido reconto ao considerar que "parece evidente" que se produciu "un erro de transcrición" á hora de realizar as anotacións entre dúas actas dunha mesa en Covadonga, "acta de sesión versus acta escrutinio", "intercambiando" os votos entre a partidos Democracia Ourensana e Ciudadanos.

O rexedor municipal en funcións, que logrou dez actas para o próximo mandato, solicitou que os votos sexan computados para a súa formación, para "evitar unha anomalía estatística de imposíbel credibilidade", asegurando que o seu partido foi o máis votado en mesas e seccións próximas a ese distrito, onde Ciudadanos non obtivo votos.

O alcalde da cidade de As Burgas preguntouse nas súas redes sociais se "62 votos de Covadonga poderían atrasar o día de investidura de alcaldía?" para concluír: "esperemos que non".

Validado por interventores

Nunha primeira instancia o escrito presentado por DO foi rexeitado pola Xunta Electoral de Ourense ao entender que "debe prevalecer o que dispón a acta de sesión onde consta que foi o partido Ciudadanos o que tivo 62 votos" e que "foi validado polos interventores". Agora é a Xunta Electoral Central a que debe resolver e ante a que deberán acudir tanto o representante de Ciudadanos, como o de Democracia Ourensana.

Por parte de Ciudadanos, o seu número 1, José Manuel Gómez Sánchez, considera que "por estatística" "o máis probábel" é que os votos sexan de DO, mentres que o seu compañeiro de partido e representante na Xunta Electoral, Ricardo Pérez, cuestiona se a reclamación dos votos "é tan só un intento de atrasar a investidura", debido a que "non afectan para nada a ningún dos dous partidos, nin a nós nin a eles que quedarían como a outros cincocentos votos dun novo concelleiro".

Pérez explicou que esta mesma cuarta feira, 7 de xuño, a intención de Xácome era recorrer os votos en Madrid, pero fixo fincapé en que "non ten sentido a pelexa" por eses votos. "Pode ser que tente presentar un recurso para atrasar o nomeamento de alcalde máis aló do 17 de xuño, é a única xustificación que lle atopamos", sostén o representante de Ciudadanos.

Con todo, tanto el como Xácome, representante na Xunta Electoral por DO, foron chamados para presentarse en Madrid con ese recurso. No caso de que Xácome así o faga, a Xunta Electoral ten dous días para responder se o acepta.

"Pero parece ser que pode acudir ao Supremo e ao Constitucional por esas papeletas. Uns dinme que non afecta á investidura e outros que si, que pode chegar a aprazar a investidura. Pero creo que está na cabeza de Xácome", manifestou Pérez, que insiste en que, desde a súa formación, non entenden "que gana". "Non ten ningún tipo de sentido, gañou as eleccións, ten dez concelleiros e non o entendemos", afirmou.

 

Comentarios