PP e PSOE acordan negociar un goberno alternativo ao de Xácome en Ourense

Manuel Cabezas e Paco Rodríguez manteñen un primeiro contacto e avogan por un pacto que afaste Democracia Ourensá da Alcaldía. Para iso precisan o apoio do BNG, que lembra que o PP "intercambiou" en 2019 a Deputación e o Concello, cedéndollo a Xácome —terceira forza en votos—, e que o PSOE non negocie co actual alcalde de Ourense para pór fin ao Goberno de Baltar na Deputación.
Gonzalo Pérez Xácome, na noite electoral. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Gonzalo Pérez Xácome, na noite electoral. (Foto: Agostime / Europa Press)

A encrucillada na que se sumiu Ourense após as eleccións do pasado domingo non terá unha sinxela resolución e o futuro da corporación segue a resultar incerto. O triunfo de Gonzalo Pérez Xácome, que situou a lista de Democracia Ourensá como a máis votada, con 18.450 votos (33,8%) e 10 escanos, obriga ao entendemento entre PP, PSdeG e BNG, tres formacións que denunciaron ante a Fiscalía o actual rexedor e que prometeron non pactar con el tras os comicios, como xa fixeran os 'populares' en 2019, investíndoo alcalde malia ser a terceira forza en votos a cambio de manter Manuel Baltar á fronte da Deputación.

E precisamente a institución provincial xoga de novo un papel chave que divide os socialistas ourensáns. Por un lado, os representantes do PSdeG da cidade, encabezados polo seu candidato á Alcaldía, o ex rexedor Paco Rodríguez, avogan por un pacto co PP que sitúe no Goberno local ao tamén ex mandatario Manuel Cabezas, tal e como propuxeron en reiteradas ocasións durante a campaña. Desde a dirección provincial, porén, priorizan o cambio na Deputación e están dispostos a pactar con Pérez Xácome para acabar co mandato de Baltar, o que complicaría os movementos na cidade das Burgas.

Esta quinta feira o 'popular' Manuel Cabezas reafirmou, a través dun comunicado, a súa intención de conformar un goberno alternativo ao actual da man dos socialistas de Rodríguez, con quen mantivo un primeiro contacto para analizar os resultados electorais e as posibilidades que hai agora sobre a mesa. "Ambos os dous partillamos plenamente que a situación vivida no Concello durante estes últimos anos non pode volver repetirse e, por tanto, estamos absolutamente de acordo en porlle fin o vindeiro 17 de xuño —no pleno constitutivo—".

Unha situación, con todo, que propiciou catro anos atrás o propio Partido Popular, que chegou a formar parte do Executivo de Pérez Xácome até a súa saída no verán pasado, coincidindo co retorno de Cabezas. "O primeiro que fixen foi rachar ese goberno, porque non creo niso. Ese pacto non debeu producirse, pero que quede claro tamén que se non o fixese o PP, faríao o PSOE", dicía o ex alcalde nunha recente entrevista a Nós Diario.

Dado que os 13 edís de PP e PSOE non abondan para pactar na corporación ourensá —falta un para a maioría absoluta—, os catro colleitados polo Bloque de Luís Seara terán a chave do goberno, e a candidatura de Manuel Cabezas sábeo. "Tanto Paco Rodríguez coma min temos a firme vontade de cumprir co que dixemos no seu día, pero que vai facer o BNG?", cuestiona, no marco da "emerxencia social e política" que as tres forzas da oposición coinciden en apreciar en Ourense.

Mais Seara, que esta mesma segunda feira, un día despois das eleccións, interpuxo diante da Fiscalía unha denuncia contra Baltar por uns audios e mensaxes de texto comprometedores nos que intervén o seu irmán, deixou a pelota no tellado dos 'populares' lembrándolles o seu pacto con Xácome e pedíndolles que aclaren "o que queren facer" e se "cambiarán" de novo Concello e Deputación.

Que Cabezas goberne co apoio de socialistas e nacionalistas é o desexo e a opción prioritaria do PP; porén, ante as intencións das forzas opositoras de afastar cando antes o actual rexedor do poder, ábrense no horizonte outras propostas como un hipotético Goberno bipartito entre PSOE e BNG —co voto favorábel dos 'populares' na investidura—, reeditando o que xa gobernara a cidade entre 2007 e 2012 con Paco Rodríguez á cabeza.

E o sentir nas rúas vai tamén na liña de concretar unha alternativa a Democracia Ourensá. A plataforma cidadá 'Non ao peche da UPO' reclama unha "vía de entendemento e pacto" entre PP, PSOE e BNG, que en suma obtiveron 15.000 votos máis que a lista de Xácome. O alcalde, mentres, insiste en que pactará "co demo" para seguir no poder se con iso consegue "o ceo para Ourense".

Comentarios