Nova votación sobre a proposta do senador, na que non participarán os villaristas

A dirección da Marea reúnese coa ruptura do grupo parlamentar na axenda

Na mañá desta terza feira, En Marea partido vai tomar unha decisión definitiva sobre a ruptura ou continuidade do grupo parlamentar. Villares prevé reunir a coordenadora (Executiva) da formación e todo indica que a resolución que adopte a dirección se sometará a unha votación telemática por parte dos integrantes do Consello da Marea, máximo órgano da formación entre plenarios (asembleas nacionais). Mentres tanto, Podemos, EU e Anova voltarán a votar a proposta de senador, con José Manuel Sande como claro favorito, nunha votación presencial á que non asistirá ningún villarista.

Ana Seixas, vicevoceira, e Luís Villares, voceiro de En Marea.
photo_camera Ana Seixas, vicevoceira, e Luís Villares, voceiro de En Marea.

Frenética mañá no seo da confluencia. Os villaristas reunirán os seus órganos de dirección. O xerme de Galicia en Común (a nova marca que constrúen Podemos e EU e que aspira a integrar no seu seo a Anova de Antón Sánchez) realizará unha nova votación sobre a proposta de senador, após tela feito xa de forma telemática (8 votos a prol de José Manuel Sande, 1 só a prol de Mariló Candedo). Que se reúnan para voltar a votar non supón reencontro ningún: os villaristas non participarán na elección, por a considerar ilexítima.

A votación vaise producir por volta das 10 horas. A Xunta de Portavoces, á que probabelmente asistirá Antón Sánchez na súa calidade de viceportavoz ante a ausencia dun Villares que estaría reunido cos seus, vai ter lugar sobre as 11.30 horas.

Que se reúnan para voltar a votar non supón reencontro ningún: os villaristas non participarán na elección, por a considerar ilexítima.

A dirección de En Marea terá de decidir o que facer se o PP dá vía libre esta terza feira á convocatoria do pleno de elección dos senadores en representación da comunidade autónoma. Segundo as fontes consultadas por Sermos, a ruptura do grupo parlamentar está a piques de consumarse. A dúbida está en que momento se produce o esgazamento e se a escisión significará ou non a perda do senador que lle corresponde á confluencia.

A Xunta de Portavoces do Parlamento galego podería pór en marcha o proceso conducente á elección de senadores por parte do pleno da Cámara. O PP aprazou no seu día a convocatoria da sesión co argumento de que existían diferenzas no seo do grupo de En Marea e que, por tanto, non estaba claro a que formación lle correspondería o escano da oposición (se á confluencia ou ao PSdeG). Mais segundo puido saber Sermos, o PP tamén ten os seus problemas internos e, co obxectivo de gañar tempo, preferiu agardar a que se materializase a constitución dos concellos para designar os seus dous asentos na cámara alta. Soan para eles os nomes de Jesús Vázquez, damnificado pola perda da alcaldía de Ourense, e Pilar Rojo, ex presidenta do Parlamento e persoa moi próxima a Mariano Raxoi.

A dúbida está en que momento se produce o esgazamento e se a escisión significará ou non a perda do senador que lle corresponde á confluencia.

En todo caso, na decisiva reunión desta mañá da Xunta de Portavoces o probábel é que non vaia estar Luís Villares. O portavoz parlamentar de En Marea reúne a súa dirección para tomar unha decisión sobre o rumo que tomar no Pazo do Hórreo. Sobre a mesa hai dúas opcións: ou rachar o grupo xa —sen aceptar por tanto o nomeamento de José Manuel Sande como senador, votado pola maioría que conforman Podemos, EU e Anova— ou aprazar a ruptura ao comezo do próximo período de sesións, co ex concelleiro de Cultura da Coruña xa no seu escano na cámara alta.

Se o cisma na Marea se producir antes do pleno de designación dos senadores, a confluencia perdería a súa condición de segunda forza política no Pazo do Hórreo e, por tanto, perdería tamén o dereito a designar unha senadora ou senador. Ese dereito pasaría inmediatamente ao grupo parlamentar do PsdeG.

"No fondo o que se está a producir é unha certa escenificación da ruptura, para ver quen queda como o malo da película", admiten a Sermos fontes da confluencia. "Nós non podemos aceptar a proposta de Sande porque os estatutos de En Marea din con clareza que os nomeamentos dos cargos institucionais é unha competencia do partido e non do grupo parlamentar", afirma un portavoz villarista en condición de anonimato. "O problema", concede, "é que Podemos, EU e Anova xa se teñen situado fóra de En Marea. Non recoñecen a lexitimidade dos seus acordos".

"No fondo o que se está a producir é unha certa escenificación da ruptura, para ver quen queda como o malo da película", admiten a Sermos fontes da confluencia.

Durante os últimos días representantes do villarismo mantiveron conversas con voceiros da tríade Podemos-EU-Anova na procura dun acordo in extremis que evitase a perda do escano no senado para o autoproclamado espazo da esquerda transformadora. "O que pretende Luís [Villares] é algo que non se ten de pé: que nos pasemos nós, que somos á maioría do grupo, ao mixto. Iso non ten ningún sentido", di unha fonte do xerme da nova organización que se está xestando, Galicia en Común.

Villares cedería, pois, na cuestión do senador —rexistraría como portavoz perante os órganos de goberno da cámara a proposta de José Manuel Sande— se "os críticos" desembarcan no mixto e o seu grupo pode manter a denominación de En Marea. "É un debate un tanto absurdo. Indo ao mixto, Villares tamén podería reclamar para si unha denominación que nós en absoluto queremos", repoñen desde as bancadas da futura Galicia en Común.

Desde o villarismo o que se lamenta é a falta de cintura política de Podemos-EU-Anova e a súa "nula vontade" á hora de acordar un candidato de consenso. "Propuxemos como consenso até unha persoa deles [Manuel Lago] mais non quixeron polos compromisos que teñen con Sande", alegan as fontes consultadas por Sermos.

E mentres tanto desde En Marea partido se reputa como transfuguismo as declaracións realizadas este domingo por Antón Gómez Reino na súa entrevista en Radio Galicia-Cadena Ser e nas que o deputado no Congreso veu dicir que En Marea está superado como proxecto político e que eles traballarán na criación dun novo referente político, Galicia en Común.

Comentarios