QUEN NOS VALE DO VALEDOR?

Demite a vicevaledora do Pobo en rexeitamento das declaracións de Benigno López

Esquerda Unida pide a demisión do Valedor polas súas palabras, ''partidistas e inaceptábeis''. Desde o BNG, Jorquera exixe a convocatoria urxente da Comisión de Peticións para que destitúa a López e nomee outra persoa, lembrando que a Lei do Valedor prevé o cesamento en caso de ''notorio incumprimento das obrigas e deberes do seu cargo''

A vicevaledora segunda do Pobo, Mª Dolores Galovart, vén de presentar a demisión a raíz das declaracións do Valedor, Benigno López, nas que avalaba os recortes de Xunta e Goberno de España, ademáis de ser partidario da suspensión da Lei da Dependencia. Galovart era a encargada, precisamente, das áreas de dependencia e servizos sociais.

 "Ante as manifestacións de todo tipo vertidas por vostede na última quenda de palabra, ante a Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia, e dada a miña opinión totalmente contraria ás mesmas, véxome na necesidade de presentar a miña renuncia ao cargo de Vicevaledora do Pobo", explica Galovart na súa carta de renuncia, segundo diversas fontes e medios.

 A decisión da xa vicevaledora chega en plena treboada originada polas declaracións de Benigno López. López, considera "imprescindíbeis, xustas e necesarias" as medidas de axuste e os recortes adoptados polos gobernos galego e español, e alén diso instou os responsábeis da Xunta e do Executivo central a explicárenas á poboación para que esta aprenda a "soportalos". Aliás, o Valedor amosouse partidario de que se "suspenda" a aplicación da Lei de Dependencia, que "naceu morta", debido ás dificultades que ten o seu desenvolvemento pola falta de recursos económicos.

Un Valedor ''indigno do pobo galego''
Desde o BNG, o candidato á presidencia, Francisco Jorquera, exixiu nesta sexta feira a convocatoria urxente da Comisión de Peticións para que destitúa a López e nomee outra persoa para que o substitúa nas súas funcións. Lembra a formación frontista que a Lei do Valedor prevé como motivo de cesamento ''o notorio incumprimento das obrigas e deberes do cargo''. 

Así, Jorquera pediu a demisión de López polas súas declaracións, nas que fixo unha "encendida defensa" das políticas de recortes emprendidas desde a dereita, apoiando a suspensión da Lei de Dependencia. Entende que as palabras pronunciadas por López "fan que hoxe moitos galegos e galegas sintamos vergoña de ter este valedor, indigno do pobo galego".

A este respecto, Jorquera sinalou que "fixo valoracións políticas que a el non lle corresponden", lembrando a López que o seu cometido é "defender os intereses do pobo, e non ser altifalante das políticas que ditan os grandes poderes económicos e a dereita". Por isto, pediulle no nome do BNG que abandone o cargo e anunciou que fará o propio no Parlamento galego.

Desde Esquerda Unida-Os Verdes, a coordinadora nacional Yolanda Díaz pediu tamén a demisión do Valedor por as súas declaracións, que tilda de "partidistas e inaceptábeis". Destaca Díaz que, ademais de "xustificar as sistemáticas agresións sociais" emprendidas desde a Xunta da Galiza "senón que chaman á desmontaxe da feble andamiaxe social que resta no noso país".  

Comentarios