Diego Calvo evita falar dos problemas da provincia no Parlamento

"Veño a un trámite parlamentario" foi a explicación do Presidente da Deputación da Coruña para non respostar ás preguntas da oposición na Comisión dos orzamentos 2013.
Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña
photo_camera Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña


Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña, presentou ante @s voceir@s dos partidos representados no Parlamento galego as contas do 2013. Foi a primeira dunha serie de comparecencias cos representantes destas institucións que continuarán hoxe coas de Lugo e o día 21 coas de Pontevedra e Ourense. A oposición aproveitou a súa presenza para requerirlle sobre algunhas cuestións de interese e mesmo, no caso do BNG e AGE, para cuestionar a propia institución.

Cos orzamentos aprobados esta "comparecencia sarcasmo", como lle chamou Francisco Caamaño, voceiro do PSdeG-PSOE, non era máis ca un trámite. O único partido satisfeito coas contas da Deputación da Coruña foi o PP. Para Hipólito Fariñas, o seu voceiro, estes orzamentos son dos poucos "niquelaos" que se presentarán estes días. O BNG entende que estas contas "teñen a lóxica letal da austeridade e deixan desamparadas ás persoas, acentúan os problemas das persoas que agora teñen dificultades para sobrevivir".

As deputacións como redes caciquís

Un dos argumentos que máis se repetiu na comisión foi o de cuestionar a existencia mesma das deputacións. "Non creo que sexa un problema de como se xestiona senón do propio papel da institución". Ana Pontón (BNG) afirmou que as deputacións son institucións obsoletas sen función e o PP emprégaas para fortalecer a súa propia rede caciquil". Segundo a deputada e voceira nacionalista "os concellos terían máis fondos de xestionárense directamente".

Antón Sánchez (AGE) coincidiu con Pontón sobre a necesidade de eliminar as deputacións "por contrarias á organización local de Galiza e ser potenciadoras das redes caciquís. As súas funcións deberían pasar aos concellos e á Xunta". Sánchez defendeu a comarcalización como estrutura e coincidiu co BNG en que teñen "comportamentos caciquís" froito do seu "grande marxe de discrecionalidade".

Sen respostas sobre temas de interese

"Veño a trámite parlamentario" e "este non é o lugar" foron as frases que empregou Diego Calvo para pechar as preguntas da oposición sobre temas a redución nas equipas de normalización lingüística, a planta de Biomasa ou as partidas para obras públicas da Xunta que non se realizarán na provincia. "Somos a administración máis cercana aos concellos, pregúntenlle aos 94 alcaldes", foi o argumento para defender a súa institución diante dos ataques da oposición.

Comentarios