Besteiro asume a baixada dos orzamentos de Lugo polas "achegas do Estado"

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presentou na Comisión dos orzamentos 2013 unhas contas "austeras" e reclamou da Xunta máis diálogo. PP e AGE coincidiron en atacar os gastos en promoción da institución. O BNG cuestionou a existencia das deputacións e salientou o traballo realizado estes anos en Lugo.

José Ramón Gómez Besteiro, presidente Deputación de Lugo, presentou hoxe diante da Comsión dos orzamentos de 2013 unhas contas que calificou de "austeras" e que son un 4,7% menos en relación coas presentadas no 2012. "Sempre dixen que os proxectos eran a longo prazo", asegurou. 

Nas preguntas dos voceiros parlamentarios coincidiron PP e AGE en atacar os gastos en promoción da institución e en persoal. "Non é responsabilidade das administracións públicas sanear as contas dos clubes deportivos", aseguraba Ramón Vázquez, voceiro de AGE. Ao seu entender gastos como os que se realizaron nos polígonos industriais "hoxe vemos que non serviron de nada". Polo seu lado José Manuel Balseiro, voceiro do PP afirmou que Besteiro "gasta en autobombo para facerse coa secretaría xeral do PSdeG". Cosme Pombo, voceiro do BNG, cuestionou a propia institución provincial e salientou o traballo realizado estes anos e que diferencia esta deputación das anteriores.

Gómez Besteiro respondeu que "os gastos en promoción son a política turística da deputación, non queremos que Lugo sexa un segredo". Insistiu no problema de "diálogo" que hai coa Xunta en relación cos 15 residencias que a institución que preside pensa construír na provincia "e que a Xunta non quere concertar e aínda non sabemos porque".

Sobre o debate da propia existencia das deputacións aberto por BNG e AGE, Besteiro apoiou estas institucións "ou outras que fagan o mesmo servizo".

Comentarios