18-F

Lois xa se ve nun goberno 'a tres' e Díaz insiste en que o voto a Sumar pode decantar a balanza: "Non é unha broma, é ciencia"

"Só con Sumar é posíbel o cambio. Dino todos os datos, todas as enquisas electorais. Non hai posibilidade de cambio con dúas forzas progresistas", insiste Marta Lois.
Acto de Sumar hoxe en Santiago. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Acto de Sumar hoxe en Santiago. (Foto: Agostime / Europa Press)

A vicepresidenta segunda do Goberno español e líder de Sumar, Yolanda Díaz, reivindicou esta cuarta feira que "o cambio" na Xunta pasa por que o seu partido logre os deputados "que disputa" ao Partido Popular e que farían decantar a balanza, insistiu, en favor da "maioría progresista" que aprecia nunha sociedade galega que non se corresponde coa imaxe de "conservadora" que, di, se lle atribúe.

"Non é unha broma, é ciencia", aseverou nun encontro con universitarios e universitarias na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago, onde Díaz abriu a súa actividade de campaña desta quinta feira, na que acompañará a súa candidata na Galiza, Marta Lois, en varios actos na propia capital galega e en Pontevedra, onde fechará a xornada cun mitin no que tamén participará o ministro de Cultura, Ernest Urtasun.

Após iniciar a súa intervención lembrando que xogaba "na casa" porque, aínda que ferrolá de nacemento, pasou a súa adolescencia e mocidade en Compostela, Díaz afirmou que a "tomaron por tola" cando nas eleccións estatais defendía que Sumar "era decisiva" para evitar a maioría do bloque de dereitas encabezado polo PP de Alberto Núñez Feixoo.

"Na Moncloa tardaron, pero déronse conta que con Pedro Sánchez non chegaba", aseverou para apuntar que "se non fose por Sumar hoxe Feixoo sería o presidente" dun goberno que compartiría con Vox. Para a ministra, as galegas deste domingo xóganse nos mesmos termos e van "de ensanchar o espazo" progresista con Sumar, forza que, di, ten a capacidade de quitar os escanos que farían que o PP perda a maioría absoluta que ostenta desde hai case cinco lustros.

"Os escanos que estamos a disputar son os que sacan a [Alfonso] Rueda da Xunta", sentenciou nunha intervención ante uns 200 mozos aos que apelou para que acudan ás urnas e, nelas, plasmen esa Galiza "progresista" que non encaixa coa imaxe de país "conservador" que, ao seu xuízo, non encaixa coa realidade. "Non é certo que os galegos sexamos conservadores. A xente progresista deste país somos moitas máis e demostrámolo en practicamente todas as eleccións estatais e municipais", engadiu Yolanda Díaz, que cre que, cando chegan as galegas, esa "maioría progresista" dá "un paso atrás" porque "como pobo" pensa que "non é capaz" de derrotar "ao PP de Rueda, de Feixoo e de Fraga".

Por iso, considera que é necesario "vencer a resignación" porque o domingo "non vai de gañar as eleccións, vai de gañar Galiza", un obxectivo no que se dirixiu especialmente "ás mulleres" que "pararon" nas estatais do pasado verán "a Feixoo e a Abascal" e ás que convida a dar a súa confianza en Sumar, a forza "que equilibra" e que é "garantía" de defender a "as maiorías sociais".

Lois xa se ve nun goberno 'a tres'

Pola súa parte, Marta Lois avanzou que proporá, após o "cambio histórico" que vaticina após as eleccións do domingo, a BNG e PSdeG que o goberno "progresista" que "se abrirá" a 'tres bandas' a partir do 19 de febreiro impulse nos seus 100 primeiros días un "rescate" para a sanidade pública, limite o prezo do aluguer e aumentar a fiscalidade "aos que máis gañan".

"Só con Sumar é posíbel o cambio. Dino todos os datos, todas as enquisas electorais. Non hai posibilidade de cambio con dúas forzas progresistas", insistiu a candidata de Sumar.

Comentarios