A Deputación de Pontevedra substitúe un busto de Xoán Carlos I por unha obra feminina

A entidade segue o camiño que comezou hai unhas semanas o Goberno local de Pontevedra, que suprimiu o nome do rei emérito do rueiro alegando "decencia" para o cambio.
Un instante da sesión de hoxe. (Foto: Diputación de Pontevedra)
photo_camera Un instante da sesión de hoxe. (Foto: Diputación de Pontevedra)

A figura e o nome de Xoán Carlos I continúan desaparecendo de lugares destacados da Galiza debido aos últimos escándalos vinculados á súa persoa. Se a mediados de mes era o Consistorio de Pontevedra o que anunciaba que a avenida de Xoán Carlos I pasaba a estar dedicada á galeguista Virxinia Pereira, esta sexta feira foi a Deputación de Pontevedra a que deixou ver un cambio simbólico.

O busto do rei emérito que estaba xunto á escalinata do edificio da Deputación desde hai anos desapareceu das miradas do público e o seu lugar foi ocupado por unha obra artística de temática feminina, como puideron ver as e os deputados.

De feito, a representante do Partido Popular Pepa Pardo preguntou sobre a desaparición da peza no pleno e a presidenta desta Administración, Carmela Silva, comentou que a decisión responde a que no edificio había "demasiada presenza masculina" e o lugar foi destinado á creación dunha escultora.

Segundo a información á que tivo acceso Europa Press, esta maioría de honras a homes "é especialmente rechamante na sala de comisións", dado que nas súas paredes hai pendurados retratos de todos os homes que dirixiron a Deputación durante os 185 de historia. Entre eles, pódese ver o de Mariano Rajoy.

A pesar da explicación, non deixa de ser curioso que a retirada case coincida no tempo coa novidade anunciada na cidade.

Ademais, o pai do actual rei tiña o título de "presidente perpetuo" da entidade. Este respondía a un acordo ao que chegou o pleno en 1980. De feito, xunto ao busto había unha placa conmemorativa.

8 de marzo

Por outra parte, á marxe desta curiosidade que semella estudada, a sesión comezou coa lectura do manifesto polo 8 de marzo, Día da Muller, que nesa ocasión reivindica a axenda feminista "para que os seus principios volvan estar no centro do discurso público".

A ilustradora e música Laura Romeu "repasou as reivindicacións das mulleres, desde a loita contra a violencia machista, á abolición da prostitución, do negocio dos ventres de aluguer, á esixencia da paridade real, da visibilización das mulleres ou da igualdade salarial", entre outras.

Comentarios