PSOE, PP e Vox vetan na Mesa do Congreso as peticións para investigar Juan Carlos I

BNG insta o Goberno a investigar as proclamas golpistas de altos mandos militares.

O Congreso, na súa sesión do 22 de abril, debatendo o presente estado de alarma.

PSOE, o PP e  Vox uniron os seus votos hoxe na Mesa do Congreso para impedir a tramitación das comisións de investigación sobre as presuntas irregularidades de Juan Carlos I solicitadas por formacións soberanistas (BNG, ERC, CUP, Eh Bildu, Junts) con Máis País e  Compromís, unha; e por Unidas Podemos, outra.

Como xa vén sendo tradición, estas tres formacións vetaron a iniciativa apelando ao criterio marcado polos letrados do Congreso, que insisten en que tanto a Constitución como o propio Tribunal Constitucional impiden que a Cámara investigue o rei emérito. Só Unidas Podemos desmarcouse da maioría apoiando a admisión.

Segundo o informe dos servizos xurídicos, ao que tivo acceso Europa  Press, non procede tramitalas tendo en conta "a posición institucional da Xefatura do Estado no marco constitucional e especialmente os disposto nos artigos 56.3 e 65 da Constitución".

Ademais da comisión de investigación, as forzas soberanistas reclamaron que a ministra de Facenda, María Jesús Montero, explicase ante o Pleno do Congreso as circunstancias nas que se produciu a regularización fiscal do rei emérito e "todas as actuacións que o Goberno" e o seu ministerio "tomaron e tomarán fronte aos actos recoñecidos de evasión fiscal" por parte de Juan Carlos I. Esta iniciativa tamén foi vetada pola Mesa, nesta ocasión, e segundo indica o deputado do BNG Néstor Rego nas redes sociais, a PSOE, VOX e PP uniuse Unidas Podemos..

BNG insta o Goberno a investigar as proclamas golpistas de altos mandos militares

O BNG insta o Goberno español, concretamente ao Ministerio de Defensa, a abrir unha investigación aos militares que participaban nun chat en que se enviaban comentarios referidos ao inicio dun novo levantamento militar e no que se falaba de "fusilar a 26 millóns fillos de puta". Por esta razón, o BNG demanda que se depuren responsabilidades daqueles militares que seguen sometidos, "segundo estabelece a lei", ao principio de neutralidade política.

"Debe lembrarse que algúns dos militares implicados están na reserva e que por tanto, seguen vinculados ao exército e deben acatar as súas normas internas" destacou o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego. No caso dos militares retirados, estes xa non se atopan vinculados legalmente ao exército, mais a formación nacionalista advirte que como ex altos mandos do exército o seu peso na cadea de mando e a súa influencia sobre as forzas armadas é evidente. 

O BNG exixe ao Goberno español que manifeste o seu posicionamento respecto do silencio mantido neste asunto por parte do monarca Felipe VI. O deputado considera alarmante que "o monarca non teña nada que dicir respecto dunha misiva na que se fala abertamente de fusilamentos e se lle pide que dea a orde para iso, pois co seu silencio parece apoiar o seu contido e dá ás aos militares que avogan por volver ás armas para impoñer a súa visión do que debe ser o Estado español".

Comentarios