Denuncian unha suposta agresión do ex alcalde da Lama a unha concelleira de UCIN

O Goberno local nega "contacto físico" entre Canda e os edís independentes e acúsaos de ter unha actitude "agresiva e maleducada".

Jorge Canda, concelleiro o Partido Popular na Lama. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Jorge Canda, concelleiro o Partido Popular na Lama. (Foto: Nós Diario)

Os dous concelleiros da Unión de Cidadáns Independentes (UCIN) no Concello da Lama (comarca de Pontevedra) denunciaron esta segunda feira ante a Garda Civil unha suposta agresión por parte do ex alcalde, o popular Jorge Canda, que o actual goberno local nega, xa que afirma que "en ningún momento houbo contacto físico entre o ex rexedor e ningún" dos dous concelleiros independentes, aos que acusa de ter unha "actitude agresiva e maleducada".

Segundo o relato dos feitos que fai a concelleira de UCIN, Olga Rodríguez, ás 8.30 horas desta segunda feira acudiu ás dependencias municipais co seu compañeiro e portavoz do partido, Carlos Ribeiro, para exercer os seus "dereitos como concelleiros electos".

No consistorio atopáronse co anterior alcalde e actual concelleiro do Partido Popular Jorge Canda. "Interceptounos á entrada, increpándonos de maneira expeditiva", din os concelleiros independentes, que afirman que o ex alcalde afeou que acudisen fóra de horario de atención ao público, que "é a partir das 9".

Olga Rodríguez afirma que rebateu a Canda que non eran "público", senón unha "concelleira electa" da corporación e que o ex alcalde "non ostenta ningunha autoridade para decidir a miña entrada no Concello e para impedir o cumprimento" das súas "funcións".

"A continuación, Jorge Canda Martínez, empeza a empurrarme para botarme das dependencias municipais, pondo as súas mans no meu peito. Pídolle que non me toque, ignora a miña petición e continúa tocándome e empurrándome en tres ocasiones máis. Sae do Concello e comunícolle que vou chamar á Garda Civil para denunciar os feitos", continúa o relato da edil independente.

A denuncia contra o que fora alcalde da Lama durante 28 anos foi presentada na mañá desta segunda feira no cuartel da Garda Civil de Ponte Caldelas (Pontevedra). "Jorge Canda Martínez en ningún momento tenta tocar a empurrar ao meu compañeiro, senón a min que son unha muller", aseverou Rodríguez.

"Agora mesmo estou bastante conmocionada e, aínda que non deixarei de exercer os meus labores como concelleira electa, sinto medo a que este tipo de situacións poidan volver repetirse", manifestou.

Ante estes feitos que cualifican de "deplorábeis", os concelleiros de UCIN exixen ao actual alcalde David Carreira, o "cesamento fulminantemente de todos os seus cargos de concelleiro electo ou que o inste a presentar a súa dimisión inmediata".

Así mesmo, instaron o presidente do Partido Popular a “que expulsen a esta persoa inmediatamente do partido". "Consideramos que nun partido político democrático, débense condenar e penalizar todo tipo de violencia", apostilou UCIN nun comunicado.

Versión do Goberno local

Pola súa banda, o Goberno municipal da Lama respondeu á denuncia con outro comunicado sobre o que riscan de "desagradábel e inédita experiencia vivida" na mañá desta segunda feira no consistorio.

Afirman que "en ningún momento houbo contacto físico entre Jorge Canda e ningún dos dous concelleiros de UCIN", de quen, asegura, tiveron unha "actitude agresiva e maleducada" tras indicarlles de que tiñan que esperar ás nove da mañá, en horario de atención ao público, para ser atendidos polos operarios municipais.

O Goberno local explicou que desde hai unha semana, ás 8.30 horas e "aproveitando a entrada dos funcionarios á súa hora", os concelleiros de UCIN "cóanse nas instalacións municipais deambulando por despachos, interrogando a funcionarios e traballadores municipais e querendo acceder, sen autorización previa, a documentación protexida pola Lei de Protección de Datos que debe de ser tratada como a lei estipula".

Respecto ao ocorrido esta segunda feira, o Goberno local sostén que "os concelleiros de UCIN mantiveron unha actitude inusualmente impetuosa, desagradable e especialmente virulenta".

Sosteñen que "se volveron a coar nas instalacións municipais, cuestión sobre a que foron advertidos polo concelleiro Jorge Canda" e, ante esta circunstancia, "os edís de UCIN en ton elevado e visibelmente contrariados encaráronse co concelleiro Jorge Canda quen lles advertiu que se non cesaban na súa actitude tería que chamar á Garda Civil, cuestión que finalmente non se fixo desde o Concello para evitar unha situación inédita e desagradable".

O Goberno que dirixe o PP sostén que o ex alcalde indicou aos edís que debían esperar nun banco da entrada a que desen as 9 horas, sempre mantendo "en todo momento a compostura, retrocedendo ante a súa insistencia, para evitar en todo momento ter contacto físico cos concelleiros de UCIN, obxectivo que conseguiu até o final facilitando a súa estancia aos edís nun banco da zona de espera, na planta baixa do consistorio".

"O Concello da Lama lamenta profundamente este tipo de actitudes que só buscan a crispación social, o enfrontamento e alimentar un clima negativo desde o punto de vista da convivencia entre a veciñanza" polo que esperan "que se serenen os ánimos".

A continuación, animan aos novos concelleiros e concelleiras da corporación municipal a que exerzan as funcións democráticas para as que foron elixidos "respectando en todo momento as canles normais de funcionamento e de intervención na vida política deste municipio, como sempre sucedeu nos máis de 40 anos de democracia".

Comentarios