O TSXG inhabilita durante nove anos o ex alcalde do PP de Muras

A sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) confirmou onte a inhabilitación do ex alcalde do de Muras, Isaam Algnam Azzam, do PP, durante nove anos e medio para todo cargo público con facultades de contratación, por cometer un delito continuado de prevaricación administrativa.

O ex alcalde do PP de Muras, Isaam Algnam Azzam, nos xulgados de Lugo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex alcalde do PP de Muras, Isaam Algnam Azzam, nos xulgados de Lugo. (Foto: Europa Press)

A sentenza considera probado que entre 2012 e 2015, o acusado, na súa condición de rexedor municipal, subscribiu con diversas persoas contratos laborais de carácter temporal, "prescindindo total e absolutamente de calquera tipo de procedemento que garantise os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade para o acceso á función pública". Na mesma liña, confirma que os procesos efectuábanse "sen publicidade das bases e convocatoria".

A voceira actual do PP, implicada

Unha das persoas favorecidas nalgúns destes procedementos é actual voceira do PP en Muras, Eugenia Requeixo Chao. Segundo sinala o alcalde da localidade, Manuel Requeixo, a Nós Diario "estaba contratada no Concello como responsábel do Servizo de Prevención de Riscos Laborais e cando se lle solicitaba informes non o facía sinalando que non tiña formación nin a titulación para facelo". Neste sentido, entende que “é o momento de que a voceira do PP presente a súa dimisión como edila”.

Requeixo explica en relación coa sentenza que “a xustiza e o tempo remata por pór cada un no seu sitio” e lembra que “o único criterio utilizado para contratar o persoal no Concello durante a etapa de Isaam Algnam Azzam era ser afiliado do PP, fixándose unha porta de entrada distinta en función da militancia política das persoas ”.

A letrada do Concello, Montserrat Calvo, do gabinete xurídico Stellgus Avogados, manifestou a este diario a súa satisfacción pola resolución, se ben salientou o seu desacordo con que se exima o condenado de responsabilidade civil, pois obriga o concello a indemnizar os traballadores ilegalmente contratados que foron despedidos.

Comentarios