Plácido Álvarez, un dos vicepresidentes de Baltar, repetirá no grupo provincial do PP

A alcaldesa de Bande e outros cinco concelleiros do municipio non acoden á votación

Manuel Baltar e Plácido Álvarez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manuel Baltar e Plácido Álvarez. (Foto: Nós Diario)

O alcalde de Muíños (comarca da Baixa Limia) e un dos vicepresidentes de Manuel Baltar na Deputación de Ourense, Plácido Álvarez, repetirá este próximo mandato no grupo provincial do Partido Popular tras resultar elixido esta quinta feira, 22 de xuño, como deputado polo partido xudicial de Bande.

Unha vez constituídos os concellos da circunscrición o pasado sábado (excepto Celanova, Carballeda de Valdeorras e Castro Caldelas), concelleiros e concelleiras comezaron esta semana a elixir as persoas representantes na entidade provincial. Tras O Carballiño, O Ribeiro e Trives, esta quinta feira sumábase Plácido Álvarez á lista dos xa confirmados, concretamente por Bande.

Esta Xunta Electoral engloba os municipios de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños (Baixa Limia), Calvos de Randín (A Limia), e Padrenda e Verea (Terra de Celanova), aínda que neste último concello non hai representación do Partido Popular.

Segundo puido saber a axencia Europa Press, a candidatura de Álvarez (recoñecido 'baltarista' con dúas décadas de experiencia na Deputación) foi apoiada por todos os concellos menos pola rexedora de Bande, Sandra Quintas, e os outros cinco concelleiros do PP no municipio, porque non acudiron á votación.

Así, o alcalde de Muíños volverá formar parte da corporación provincial para o mandato 2023-2027 dentro do Grupo Popular, tomando posesión da súa acta de deputado na sesión de investidura que se celebrará no mes de xullo.

Dúas décadas na Deputación

Será a primeira vez en 33 anos que a institución non estea presidida polo apelido Baltar, despois de que a semana pasada se coñecera a renuncia de Manuel Baltar, que herdara o cargo do seu pai, José Luis Baltar, en 2012.

Aínda se descoñece quen dirixirá a Deputación de Ourense, aínda que presumibelmente será alguén do PP como lista máis votada, a un escano da maioría absoluta, despois do acordo alcanzado coa partido Democracia Ourensá, que lidera o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome.

"É unha profunda honra ser de novo elixido deputado polos meus compañeiros", manifestou Plácido Álvarez, que ocupa o cargo de deputado desde 2003 e o de vicepresidente da institución desde o ano 2009.

Comentarios