venres 23/07/21

O debate sobre o ‘xeito’ revela o poder da pesca industrial en Bruxelas

O sector da pesca artesanal afirma estar "indignado" pola nula implicación dos gobernos español e galego na defensa desta arte tradicional. VÍDEO NO INTERIOR.

ja

Esta quinta feira a delegación do 'xeito' en Bruxelas, integrada por representantes do sector e do BNG en Bruxelas, reuniuse coas persoas encargadas do relatorio de prohibición de artes á deriva nas comisións de Pesca e Medio Ambiente, Renata Briano e Marco Afronte. A[email protected], reiteraron.

Nova xornada de xuntanzas e, ao igual que na anterior -cuarta feira-, volveu ficar en evidencia que a Xunta e o goberno español “non fixeron os deberes”, en palabras do patrón maior de Cangas, “e temos que vir facelos nós”. O propio euro-deputado italiano Marco Afronte recoñeceuno cando dixo que o dado que se lles facilitara nun principio de embarcacións que faenaban ao xeito era de 25. A frota xeiteira galega son 426 barcos. Indignación dos xeiteiros ante esta noticia.

Renata Briano mesmo cualificou de “provocación” que a proposta da Comisión europea poida implicar prohibir o xeito, e comprometeuse a recoller todos os argumentos do sector. Ana Miranda destacou a “sensibilidade” de Briano para con este tema.

“Ignorancia”

O ponente na Comisión de Medio-Ambiente, Marco Afronte mostrouse contrario a unha prohibición total e defendeu a pesca artesanal. Deixo unha mensaxe preocupante: “Aquí -por Bruxelas- escóitase á pesca industrial, non á artesanal”. Un ‘lobby’ con peso da man dos países nórdicos. “Desde Bruxelas dinnos que hai que apostar na pesca artesanal mais na realidade vemos que Bruxelas non cumpre co que dí”, afirmou un xeiteiro de Moaña. E Daniel Rodas, deputado do BNG, afirmou: “Dame medo ver como a UE descoñece a realidade pesqueira de Galiza”. O relator italiano quíxoo tranquilizar: “Se o xeito non é un arte agresiva, non tedes que ter medo”. Retrucou Rodas: “temos medo á ignorancia”.

Na xuntanza, Adolfo Muiños, alcalde de Rianxo, afirmou que na pesca na UE estanse a xogar dúas ligas, unha favorecida (a pesca industrial) e outra desatendida (artesanal). Avogou por un compromiso claro para que se exclúa o xeito da prohibición de artes, evitando que fiquen 'flecos' que poidan servir para que "un día veña un Comisario de Pesca grego ou de onde sexa, e desde a frialdade de Bruxelas decida volver intentar prohibir o xeito".

Exixir responsabilidades

Os patróns maiores consideran que as xuntanzas amosan que nin Xunta nin goberno español se preocuparon de defender o xeito. Así o manifestaron os representantes de confrarías como a de Rianxo ou Cangas. A delegación centrou estes dous días en Bruxelas en explicar o básico: o xeito non son as volantas nin redes agresivas para o medio-ambiente, só coller sardiña, non xera descartes, é artesanal e sostíbel, só se pesca dentro da Ría e en cantidades moi pequenas por barco... “O que xa hai meses que tiña que ter feito a Consellería do Mar ou o Ministerio, e que nin se preocupou”.

Ana Miranda valou moi positivamente as reunións e destacou a "gran importancia" de que relatores, cargos da UE e representantes escoitasen de primeira man a opinión e argumentos do propio sector. 

comentarios