DELEGACIóN DO ‘XEITO’

“Vimos aquí a Bruxelas a dicirlles: queremos vivir do noso”

Unha representación deste sector e do BNG defenderon ante a UE a pesca artesanal galega. Fixérono sen complexos ante diferentes cargos comunitarios e mesmo amosaron unha rede xeiteira no Pleno do Europarlamento.

“As sardiñas volverían se os gobernos quixesen”
Daniel Castelao

“Xa ves, ter que vir aquí para pedir que nos deixen coller unha caixa de sardiñas”. Miguel Tubío, mariñeiro de Rianxo fai en alto esta reflexión ás portas do plenario da Unión Europea en Bruxelas, mentre frota as mans pola viruxe que hai na cidade levanta a cabeza para mirar todo o inmenso edificio de cristal. É un dos integrantes da delegación do xeito que viaxou até Bruxelas para explicar que a UE debe dar marcha atrás na proposta da Comisión de prohibir este arte tradicional, co que faenan 426 barcos galegos, 116 deles en Rianxo. A representación está composta por mariñeiros de Rianxo, A Illa, Redondela ou Cambados, patróns maiores, o alcalde rianxeiro Adolfo Muíños, o deputado do BNG Daniel Rodas e Ana Miranda.

Esta delegación ten un obxectivo claro, resumido polo patrón maior de Cangas, “facer o traballo que non fixo o noso goberno”. É dicir, apunta a Sermos Galiza o patrón rianxeiro Miguel Ángel Iglesias, “explicar que este arte é selectiva, non xera descartes nin agrede a ningunha especie, só colle sardiñas, xarda e algún trancho”. A explicación non é baladí. Na primeira reunión que tivo esta delegación, co director xeral da Comisión Europea e o xefe de unidade, estes recoñeceron que cando se comezou a preparar a proposta sobre redes á deriva “non recibimos nada sobre o xeito”. E agradeceron a presenza desta delegación e o BNG para explicar de primeira man todo sobre este aparello.

Pesca artesanal versus industrial

A UE baralla prohibir o xeito porque ninguén lles dixo que o xeito non é unha arte á deriva, como as kilométricas volantas, e que Bruxelas quere prohibir a partir de 2015 polas súas consecuencias e prexuizos. Así que mariñeiros das Rías Baixas e representantes do BNG estiveron toda a xornada reuníndose, explicando, debatendo... para informar a membros da UE do que realmente é o xeito. Unha arte sostíbel, que se emprega no interior das rías, que só pesca especies moi determinadas, non xera descartes e non dana en nada o medio ambiente.

Un dos mariñeiros da representación explicoullo moi gráficamente aos integrantes da Comisión Europea, preocupada polos 'efectos' deste tipo de aparello sobre a poboación das rías: “Se vostede queda nunha illa deserta e só tivese unha rede do xeito para ter comida, morrería de fame se nesas augas non hai sardiñas ou xardas, porque é o único que colle, non mata a ningunha especie”.

A gran maioría das intervencións da delegación centráronse en defender o xeito e a pesca artesanal galega fronte á industrial. “O que collemos en 3 meses todos os barcos do xeito cólleo un só cerqueiro nun lance”, afirmou Rubén Lago, xeiteiro de Redondela. Os representantes da Comisión tomaban nota. “Indígnanos que nos metan a nós ao nivel de artes que esquilman”, apuntou un mariñeiro.

De Pablo Iglesias a José Blanco

A delegación do xeito subiu andares, pateou corredores, mesmo se topou con Pablo Iglesias á porta do seu despacho -”somos galegos e vimos defender o xeito”- e co eurodeputado e ex-ministro José Blanco (que lles dixo, “está todo arranxado”, ante a hiralidade dos mariñeiros). Nunha maleta Ana Miranda levaba unha rede do xeito. No momento das reunións que conviña, sacaba a rede e convida aos diferentes representantes dos organismos da UE a tocala, achegarse e ver cos seus ollos que non era unha arte que esquilme. Mesmo se estendeu a rede nas bancadas do Pleno do Parlamento.

Millán Mon, do PP, apareceu para a foto na Comisión de Pesca e para tentar convencer os xeiteiros que el tamén defendera esta arte. José Blanco cruzouse con eles nos corresores para dicirlles de pasada que "está todo arranxado"

A medida que avanzaba a xornada aumentaba o convencemento de que o goberno galego e español non fixeran o seu traballo. O alcalde de Rianxo, Adolfo Muiños, recoñeceu estar “abraiado” de que a Comisión Europea “se teña que enterar por nós do que realmente é o xeito” porque nin Xunta nin Madrid “se molestaron”. “O noso goberno con cumpríu co seu deber”, explicaba un xeiteiro ás camáras da TV.

O deputado do BNG no Parlamento europeo, Daniel Rodas, díxolle os representantes europeos: “Sentímonos atacados por unha UE que non defende nin ten en conta a pesca artesanal en favor da industrial”. Rodas emprezou á UE a “solucionar o problema que vostedes mesmos crearon”.

Tamén tomou a palabra para defender o xeito o eurodeputado vasco Jon Juaristi, cabeza de lista da coligazón ‘Os pobos deciden’ en Euskal Herria. Como membro da Comisión de Medio Ambiente reiterou que alí se presentaron moitas emendas en defensa desta arte.

Apoio da Comisión de Pesca

Na comisión de Pesca a delegación obtivo un apoio rotundo do seu presidente, Alain Cadec. Cualificou de “inadmisíbel” que se queira prohibir o xeito. “Levade a Galiza a mensaxe de que esta comisión vos apoia” díxolle á delegación. Ledicia na representación e moi especialmente en Ana Miranda, á que todos recoñeceron o traballo feito por esta arte.

Toda a delegación recoñeceu o traballo e compromiso de Ana Miranda. "O que mirou por nós esta muller" resumiu un xeiteiro de Redondela. 

O 21 de xaneiro votarase a proposta nas comisións de medio ambiente e de Pesca. De aí pasará a debate no Pleno en febreiro. “Aínda hai moito que mallar”, sinalaba Lino, mariñeiro da Illa de Arousa. Todos parabenizaban a Ana Miranda polo compromiso e por facer posíbel que o xeito teña unha oportunidade. "Nós somos unha nación pesqueiro e estamos aquí para defender o noso sector, para que non haxa esta prohibición", manifestou.

Horas de reunións, control após control para entrar nas instalacións e edificios da UE, escaleiras mecánicas, plenarios... Mais a delegación puña o ramo á xornada con certa satisfacción e esperanza por ser escoitada. Sensación que ía da man co cabreo porque “o goberno non fixo nada”. Miguel explícalle por teléfono á súa filla: “Vimos a Bruxelas a dicirlles: queremos vivir do noso, déixennos vivir do noso, e en paz”.

Comentarios