Parlamento

O debate de investidura de Rueda será do 9 ao 11 de abril e tomará posesión o 13, unha semana despois da voda de Almeida

De confirmárense os prazos habituais, a continuación nomeará o seu novo Goberno, do que acaba de saír a titular de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
Alfonso Rueda, esta segunda feira, na sesión de constitución da XII lexislatura do Parlamento da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Alfonso Rueda, esta segunda feira, na sesión de constitución da XII lexislatura do Parlamento da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

O debate de investidura de Alfonso Rueda —que, formalmente, terá que ser proposto após o trámite de audiencia dos grupos parlamentarios— será o entre o 9 e o 11 de abril, e tomará posesión como presidente da Xunta da Galiza o sábado 13. De confirmárense os prazos habituais, a continuación nomeará o seu novo Goberno, do que acaba de saír a titular de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, elixida secretaria da Mesa do Parlamento esta segunda feira na constitución do novo hemiciclo galego, e aí decorrerá o primeiro Consello da Xunta. Así, non coincidirá finalmente coa Semana Santa nin coa voda do alcalde de Madrid, o popular José Luis Martínez-Almeida, o que preocupaba nas filas do PP da Galiza.

Após a conformación do novo Executivo, o Parlamento da Galiza acollerá na cuarta feira 16 de abril a sesión solemne de apertura da XII Lexislatura xa co goberno en pleno funcionamento nas cadeiras azuis do hemiciclo. Con este pleno solemne formalmente arrincará este novo período político de catro anos, o quinto consecutivo con maioría absoluta do PP e a primeira lograda por Rueda o pasado 18 de febreiro, con 40 escanos.

Prazos

Como é habitual o debate de investidura durará dúas xornadas. Neste caso, segundo figura no borrador de calendario proposto polo presidente da Cámara, Miguel Santalices, o debate arrincará na terza feira 9 de abril coa presentación do programa de goberno a cargo do candidato á Presidencia. Após un día de receso, intervirán os grupos parlamentarios no pleno, o candidato responderá e fecharase a xornada coa votación do novo presidente da Xunta.

Entre tanto, a maquinaria parlamentaria arrinca xa o día 25 coa reunión da Mesa do Parlamento, para tomar coñecemento da constitución dos grupos parlamentarios, que teñen até o sábado para formalizar este trámite, aínda que polo menos os socialistas xa o fixeron esta mesma terza feira.

O 1 de abril —Luns de Pascua—, terá lugar a constitución das comisións, un trámite de idas e vindas polos corredores do Pazo do Hórreo en que a Mesa do Parlamento percorre as salas de comisións para volver constituír todos os órganos de discusión parlamentaria por asuntos temáticos.

Xa o día 2 comezarán as consultas do presidente do Parlamento cos representantes dos grupos parlamentarios para a elección á Presidencia da Xunta. O 4 de abril, volverase a reunir a Mesa e a xunta de portavoces para tomar coñecemento da proposta de candidatura, ordenar o debate e fechar o acordo de repartición de escanos.

O presidente Santalices comunicou na mañá desta terza aos membros da Mesa e portavoces dos grupos esta proposta de calendario de investidura para a Cámara galega. O borrador será trasladado formalmente aos grupos e está condicionado polos prazos que marca o regulamento: cinco días hábiles desde a sesión constitutiva para a creación dos grupos e dez para a constitución das comisións, o que, coincidindo co período de Semana Santa, deseñouse conforme ao mencionado calendario.

Comentarios