A investidura de Rueda, supeditada á voda de Almeida

A data do enlace do alcalde madrileño condicionaría a sesión para investir o presidente galego.

Rueda almeida
photo_camera Alfonso Rueda e Martínez Almeida (Foto: Europa Press)

Constituído o Parlamento galego agora o seguinte paso é a investidura do presidente da Xunta da Galiza, posto que revalidará Alfonso Rueda após a vitoria por maioría absoluta do PP nos comicios do 18 de febreiro.

Non hai data para a investidura, antes da cal deben de se constituír os grupos parlamentarios e decorrer a ronda de contactos do presidente da Cámara, Miguel Santalices, cos seus portavoces.

Todo situaba a primeira semana de abril como o período para investir Alfonso Rueda como presidente da Galiza. Mais hai posibilidades de que isto non sexa así. O motivo? Por unha parte a proximidade da fin da Semana Santa e, por outra, a voda o día 6 do alcalde de Madrid, José-Luís Martínez Almeida.

Así pois, a investidura do presidente galego estaría pendente da enlace do alcalde madrileño, un evento ao que concorrerá gran parte da cúpula do PP e dos seus presidentes e baróns autonómicos,os mesmos que Rueda desexa que estea na súa toma de posesión. Fica por coñecer se tamén o propio Alfonso Rueda irá á voda. Isto podería levar todo o proceso de investidura (discurso do aspirante, réplicas de oposición, votación e tomade posesión) á segunda semana de abril.

A nova xa xerou as reaccións, como a da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que nas redes sociais afirmou: "A sesión de investidura pendente da voda do alcalde de Madrid. Parece un titular de El Mundo Today, pero non, é real. Estas son as prioridades de Rueda con Galiza".

O vicepresidente primeiro da Xunta en funcións, Diego Calvo, relativizou esta terza feira o probábel atraso á semana do 13 de abril do debate de investidura e posterior nova toma de posesión de Alfonso Rueda. "É unha decisión que ten que tomar o presidente e non lle arrendo a ganancia. Sempre son decisións moi complicadas", manifestou Calvo, a preguntas dos medios, tras asinar un convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galiza.

Comentarios