Da Silva logra o compromiso de Sánchez para “reducir o déficit histórico que sofre a Galiza” nos servizos ferroviarios

A senadora do BNG pediu ao presidente do Goberno estatal que “cumpra coa Galiza recollendo estes compromisos nos próximos orzamentos”.
A senadora do BNG, Carme da Silva (Foto: Nós Diario).
photo_camera A senadora do BNG, Carme da Silva, esta terza feira (Foto: Nós Diario).

A senadora do BNG, Carme da Silva, solicitou ao presidente español, Pedro Sánchez, o compromiso do Goberno estatal para solucionar “as carencias e problemáticas que sofre o sistema ferroviario na Galiza”. No concreto, Da Silva conseguiu que Sánchez se comprometa a “reducir o déficit histórico que sofre a Galiza en materia ferroviaria” ao longo desta lexislatura a través dun Plan Integral de Modernización Ferroviaria ou a implantación do servizo de proximidade na Galiza, entre as cuestións máis destacadas. Alén disto, a senadora do BNG chamou a “revisar a política tarifaria e afondar na Cuestión do Corredor Atlántico, infraestrutura que o propio ministro [Óscar Puente] indicara que ía con atraso en comparación ao Corredor Mediterráneo”.

Superar o déficit histórico da Galiza en materia ferroviaria

“Ningún dos Goberno do Estado, dunha ou outra cor, atenderon as necesidades da Galiza a respecto do transporte ferroviario a pesar de que sempre foi unha loita do BNG. A nosa prioridade, a do BNG, é a cohesión e a vertebración territorial da Galiza coa implantación da proximidade ferroviaria e a mellora das infraestruturas” reivindicou a senado do BNG.

Neste sentido, logrou que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, se comprometese a “ir reducindo o déficit histórico que sofre a Galiza en materia ferroviaria” con máis investimentos e a renovación e aumento do material rodante.

No concreto, Sánchez lembrou que o Acordo de Investidura conseguido polo BNG “recolle –ademais da prórroga en 2024 dos bonos de transporte- a execución dun Plan Integral de Modernización Ferroviaria na Galiza” con actuacións específicas como a modernización e electrificación do tramo Ourense-Lugo, do tramo Coruña-Ferrol e do ancho métrico.

Galiza precisa de máis tren e máis servizos ferroviarios

Por outra parte, a senadora do BNG conseguiu na súa intervención o compromiso para que o Goberno estatal execute o plan de mellora da calidade dos servizos ferroviarios, acuñado polo Ministerio de Transportes como Plan de Mellora da Puntualidade. “Igual que precisamos de máis ferrocarril, tamén precisamos menos incidencias, menos atrasos e menos cancelacións ou avarías”, reivindicou a senadora nacionalista. “Atendan as demandas das asociacións de defensa do tren para aumentar as súas frecuencias e a súa intermodalidade”, demandou Da Silva ao presidente.

Alén diso, pediu a posta en marcha do servizo de proximidade ferroviaria que, en cumprimento co acordo asinado entre o BNG e o PSOE, Sánchez avanzou a súa implantación “durante esta lexislatura ante esta carencia histórica”. “A Galiza é unha das poucas autonomías do seu tamaño e poboación que carece destes servizos de proximidade cando áreas como a da Coruña-Ferrol concentran máis de medio millón de habitantes, e a de Vigo-Pontevedra, máis de 700.000” destacou Carme da Silva.

Máis resposta de Sánchez: conectar Galiza co mundo

Ademais das actuacións concretas que Sánchez enumerou, a senadora nacionalista demandoulle completar o Eixo Atlántico -executando o baypass de Betanzos e a saída sur de Vigo- como infraestruturas estratéxicas para o desenvolvemento do Corredor Atlántico. “A comunicación con Portugal é básica. Pedímoslle un compromiso firme para que dea prioridade á conexión de AVE Vigo-Porto, acelerando as actuacións no tramo galego”, urxiu.

Neste sentido, Da Silva lembrou que o propio Ministro de Transportes admitiu en declaracións pasadas que “o Corredor Atlántico vai máis atrasado que o Mediterráneo” a pesar da súa importancia estratéxica para o transporte de mercadorías da Galiza con Europa. O Corredor Atlántico precisa, segundo lembrou a senadora, “de consignacións económicas firmes”.

Comentarios