O ministro Puente lembra a vixencia do acordo co BNG: aumentaranse as bonificacións na AP-9 e estenderanse á AP-53

O Ministerio de Transportes e Movilidad Sostenible (Mitma) resolveu este sábado a actualización das peaxes das autoestradas de titularidade estatal.
O ministro español de Transportes, Óscar Puente (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O ministro español de Transportes, Óscar Puente (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Ministerio de Transportes e Movilidad Sostenible (Mitma) resolveu este sábado a actualización das peaxes das autoestradas de titularidade estatal baixo concesión administrativa para 2024, que afectan, entre outras infraestruturas, a AP-9 e a AP-53.

Nese sentido, o ministro español de transportes, Óscar Puente, lembrou as bonificacións aprobadas en 2021 para a AP-9, que até a data supuxeron un aforro para as persoas usuarias de máis de 315 millóns de euros, e afirmou que, tras os acordos de investidura co BNG, as bonificacións para usuarias recorrentes na AP-9 "van ver incrementadas aínda máis a partir de 2024, ao que se van a sumar as novas bonificacións a realizar na AP-53".

Desta maneira, aínda que as peaxes na AP-9 serán aumentadas en 6,55% en 2024, veranse compensadas para aquelas persoas que máis empregan esta autopista. No caso da AP-53, na que tamén se implantarán novas bonificacións, os cobros por paso terán unha suba de 5,07%.

Con todo, o ministerio liderado polo socialista Óscar Puente explicou que, de producirse a revisión de tarifas sen as subvencións existentes, as alzas incrementaríanse entre 8% e 10,5%.

Obviando o medre das bonificacións na AP-9 e a creación de novas na AP-53, O PP considerou que a suba das peaxes supón "unha tomadura de pelo" e "unha burla aos galegos", así como unha mostra máis do "desprezo" e dos "malos tratos" do Goberno do Estado español cara á Galicia.

Ao respecto, a secretaria xeral do PP, Paula Prado, afeou a PSOE, Sumar e BNG que esta medida sexa "o único que ofrezan aos galegos nun momento de suba de prezos e de dificultades económicas para as familias".

En resposta, o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe Tuñas, reclamoulle a Rueda e ao PP que "deixe de tomar o pelo" aos galegos e ás galegas ao usar as autovías como "ariete para confrontar" co Goberno do Estado español.

Laxe Tuñas lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez "foi o que garantiu", despois de pactar esta medida co BNG na súa anterior investidura unha partida de 43,7 millóns de euros anuais para bonificar as peaxes. Os novos acordos entre nacionalistas e socialistas, como sinalou este sábado o ministro Puente, provocarán o incremento das bonificacións das peaxes da AP-9 e da AP-53 de 20% a 75%.

Comentarios