O cumio hispano-luso pide á UE impulsar o Corredor Atlántico

Os dous Estados abordan as conexión transfronteirizas
Antonio Costas e Pedro Sánchez durante o cumio de hoxe. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Antonio Costas e Pedro Sánchez durante o cumio de hoxe. (Foto: Nós Diario)

O 34 Cumio Hispano-Luso desenvolveuse hoxe en Lanzarote (Illas Canarias) despois de que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, recibise o seu homólogo portugués, António Costa. O compromiso co desenvolvemento do corredor atlántico, as infraestruturas para transportar o hidróxeno renovábel e o vehículo eléctrico foron algunhas das cuestións abordadas no encontro e que afectan a Galiza.

A declaración conxunta sinala, en concreto, "os avances que se produciron nas conexións transfronteirizas viarias e ferroviarias", ao tempo que recolle o compromiso "a impulsar as actuacións de nova infraestrutura contempladas na Rede Transeuropea de Transportes, en especial o corredor atlántico".

Por outra parte, afirmaron continuar reforzando os mecanismos de diálogo para dinamizar estratexias concertadas de loita contra a desertificación e coincidiron na súa "vontade de impulsar de forma harmoniosa e construtiva o uso sostíbel dos océanos e o desenvolvemento do dereito do mar e as súas institucións".  

Neste sentido, sinalaron a colaboración que se mantén desde hai anos nos respectivos procesos de ampliación da plataforma continental no atlántico norte peninsular, onde ambos os Estados comparten "unha área de interese común sostida sobre investigacións conxuntas".

Melloras na ponte internacional sobre o río Miño

Neste cumio de hoxe asináronse instrumentos de cooperación como un convenio para a rehabilitación dos piares e travesas da ponte internacional sobre o río Miño entre Monçao (Portugal) e Salvaterra do Miño (comarca do Condado), e tamén un estudo da instalación dun carril bici e de paseo nesta ponte. Ademais, desenvolveranse propostas para a innovación territorial nas aldeas transfronteirizas.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou, ante a cimeira hispano-lusa, que o Goberno estatal non pedise suxestións á Galiza, "como sempre fixo durante todos estes anos" o Executivo español nestes cumios.

Comentarios