Cultura ve un mal menor nos danos causados ao petróglifo de Campo Lameiro

A Xunta defende a súa actuación no parque arqueolóxico mentres a oposición fala de "neglixencia" e "desleixo" na protección do patrimonio.

Parlamento_Comisión Cultura
photo_camera [Imaxes SG]

Esta cuarta feira (18 de febreiro) o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, deu conta da actuación da Xunta en relación aos danos causados pola maquinaria responsábel do mantemento do parque arqueolóxico de Campo Lameiro. 

Lorenzo foi inquirido polos grupos parlamentares do BNG e PSdeG-PSOE a respeito dos prexuízos ocasionados nun dos petróglifos, no concreto na rocha 1 da Laxe de Forneiriña á que lle pasou por riba un dos tractores que desenvolvían os labores de desbroce da zona. Para as forzas da oposición que "maquinaria pesada" actuase na contorna desta peza evidencia o "incumprimento" dos protocolos e urxiron a "incoación" dun expediente sancionador contra a empresa responsábel da xestión do parque, de acordo co fixado pola lexislación en materia de Patrimonio. 

"Alguén ten que responder", sinalou o parlamentar socialista, Francisco Caamaño. Desde o BNG, a deputada Ana Pontón apuntou directamente a responsabilidade do goberno galego na materia, tendo en conta, dixo, a actuación desenvolvida pola administración na xestión do conflito. 

Porén, para Anxo Lorenzo o executivo "non permaneceu impasíbel en ningún momento" e mesmo se debruzou sobre os pasos dados pola administración após ter coñecemento das denuncias públicas trascendidas na imprensa a respeito do dano causado no petróglifo. Unha actitude "neglixente", segundo a parlamentar do Bloque, por ter reaxido perante a "denuncia mediática" e non a iniciativa propia. Aliás, lembrou Pontón, foron elaborados dous informes distintos en que a valoración dos danos tamén distaba, sendo o último deles, realizado por unha equipa técnica, a que puxo en evidencia os prexuízos ocasionados na peza. 

Así as cousas, Lorenzo tildou de "pequeno" o dano e mesmo de "imperceptíbel". 

O conflito polo petróglifo extendeu as críticas da oposición sobre a xestión do conxunto arqueolóxico de Campo Lameiro após ser privatizado o servizo. Tanto o estado dos camiños, do alumeado como a falta de balizado nas pezas espertaron o interese dos grupos parlamentares que denunciaron o "abandono sistemático" deste emprazamento "único en Europa". 

Desde Cultura quitan ferro ao asunto afirmando que os "danos" ocasionados pola maquinaria son "pequenos" e "case imperceptíbeis", mais para BNG e PSOE evidencian as "deficiencias" na xestión de Campo Lameiro e mesmo a vontade do executivo de Feijóo por "tapar todos os desfalcos" da empresa concesionaria na protección do Patrimionio. 

Comentarios