18-F

A CRTVG debe ampliar o tempo dedicado á campaña nos seus informativos

A Xunta Electoral Central ratifica parcialmente a solicitude do BNG

Instalacións da CRTVG en San Marcos, Santiago de Compostela (Foto: CRTVG).
photo_camera Instalacións da CRTVG en San Marcos, Santiago de Compostela (Foto: CRTVG).

A Xunta Electoral Central (XEC) confirmou que a CRTVG debe ampliar o tempo dedicado á campaña nos seus informativos tras rexeitar un recurso da cadea contra un acordo da Xunta Electoral galega do 31 de xaneiro.

Así, nun escrito datado na quinta feira, a XEC sinalou que o incremento nun minuto e corenta segundos do tempo dedicado en cada informativo ao seguimento da campaña electoral pola CRTVG é unha "medida razoábel" que atende a unha finalidade lexítima.

Desta forma, ratificou a decisión de estimar parcialmente a solicitude que presentou o BNG, polo que, en cada informativo, deberá dedicar seis minutos que son os mesmos que estabeleceu o plan de cobertura dos anteriores comicios galegos en 2020.

Pola súa banda, a CRTVG solicitou a revogación do acordo da Xunta Electoral da Galiza ao entender que "supón unha inxerencia" da Administración electoral no Plan de Cobertura.A Corporación apuntou que os catro minutos e vinte segundos que dedicou aos comicios eran "suficientes" para trasladar as propostas e que esa proporción se "adecúa mellor" aos "principios, modelos e canons xornalísticos que deben presidir a atención informativa na CRTVG, onde a duración das pezas informativas adoita ser moito menor".

A Xunta Electoral rexeitouno e incidiu en que a representación da CRTVG "non explicou de forma convincente" en que medida dedicar un minuto e corenta segundos máis na información relativa á campaña electoral non se concilia cos principios alegados."Limítase a facer esa afirmación, pero sen explicar minimamente que a diferenza entre un tratamento de catro minutos e vinte segundos e outro de seis minutos poida levar a esa conclusión", recolleu o escrito.

A isto engadiu que tanto a lexislación estatal como a galega subliñaron, en varias ocasións, a necesidade de incrementar a información, os debates e as entrevistas electorais en lugar de realizar "unha excesiva" propaganda electoral.

 

Comentarios