Críticos acusan En Marea de querer facer “unha OPA hostil” a Podemos

Xuntos Podemos fala de “golpe de estado planificado” para disolver a marca podemita, plan no que sitúa a Xulio Ferreiro e os deputados de Podemos en En Marea, Gómez Reino e Ángela Rodríguez.

Xuntos Podemos Carlos Armada Xosé Zapa Eusebio önega
photo_camera Á esquerda da foto, Carlos Armada (Xuntos Podemos)

Xuntos Podemos considera que desde sectores de En Marea e do propio Podemos quérese facer unha “OPA hostil” ao partido morado, unha estratexia que, afirma este colectivo, procura “disolver a marca Podemos” nas marés. “Un golpe de Estado”, afirman, que consideran que foi desbaratado en parte cos resultados da consulta interna na que un 75% dos votos foron a prol dunha coligazón. No comunicado, este colectivo recoñece que era partidario de concorrer en solitario (opción que tivo o 25% dos apoios), mais que admite ir nunha coligazón sempre que sexa Podemos “quen marque as pautas”.

Xuntos Podemos afirma que os deputados de Podemos Ángeles Rodríguez e Gómez Reino 'Tone', e Mareas en Común procuran “fagocitar e facer desaparecer” o partido morado en Galiza “a través da integración en En Marea”. Unha estratexia na que tamén inclúen alcaldes ' do cambio', citando Xulio Ferreiro.

Tamén denuncia este sector crítico que a consulta interna non foi todo o limpa que debería, afirmando que houbo persoas non inscritas en Podemos que si que votaron na mesma.

Comentarios