Feixoo afirma o seu compromiso de abandonar a política activa ao remate da lexislatura

A crise económica e sanitaria marca a axenda política

Será unha lexislatura diferente ás anteriores: marcada por unha situación de emerxencia sanitaria sen precedentes nos últimos 100 anos, condicionada por unha crise económica cuxo alcance está aínda por precisar e determinada polo anuncio de Feixoo de abandonar a política activa ao remate da mesma.
Parlamento
photo_camera Sesión de constitución do Parlamento da Galiza en agosto de 2020. (Foto: Nós Diario)
As intervencións públicas dos diferentes líderes das forzas con representación parlamentaria deixan poucas dúbidas sobre as súas prioridades políticas. Uns e outros sitúan en primeiro plano o combate contra a pandemia do coronavirus e comprometen os seus esforzos na loita pola saúde. A falla de medios humanos e materiais, os problemas de coordinación e a ausencia de axilidade na resposta evidencian un problema de fondo, ligado ás políticas sanitarias aplicadas polos Gobernos de Núñez Alberto Feixoo nesta última década.
 
O reforzo do servizo público de saúde pasa a ser unha necesidade de primeira orde. Ao longo da última campaña electoral, populares, nacionalistas e socialistas anunciaron a súa intención de introducir melloras na calidade asistencial do conxunto do sistema sanitario, mais algunhas das primeiras medidas do Goberno Feixoo apuntan noutra dirección. A este respecto, desde as entidades en defensa da sanidade pública critican o proceso de desmantelamento da atención primaria, aproveitando como coartada a pandemia, e denuncian a ausencia de medios na atención hospitalaria. Así as cousas, resulta urxente preparar os centros sanitarios para evitar un colapso nun contexto de aumento da presión asistencial como consecuencia do avance da pandemia.

As residencias, zona cero

Os centros de maiores téñense convertido na zona cero da pandemia. Se na primeira vaga concentraron unha importante porcentaxe dos falecementos, outro tanto está acontecer nesta segunda, con 19 persoas mortas. O novo Parlamento da Galiza ten pendente a posta en marcha dunha comisión de investigación sobre o acontecido nas residencias solicitada polo BNG e PSdeG, así como a definición dun modelo asistencial, na liña do proposto por Feixoo á volta do mes de abril. Neste sentido, familiares dos usuarios, traballadores e unha aparte dos xerontólogos significan a alta letalidade dos xeriátricos privados en relación cos públicos.
 
A axenda económica vai mandar na lexislatura que comeza. O previsíbel deterioro das condicións de vida das maiorías sociais como consecuencia dun aumento das taxas de desemprego e da perda de poder adquisitivo do conxunto da poboación obrigan os poderes públicos a arbitraren mecanismos que palíen os seus efectos. Ao tempo, a caída do consumo está a impactar no conxunto do comercio retallista, con especial incidencia no sector servizos, algo que pon en risco a continuidade de miles de negocios que agardan alternativas das administracións. O proceso de concentración bancaria en marcha incide negativamente nesta dinámica, ao favorecer as prácticas oligopólicas, estabelecer peores condicións para os clientes e restrinxir o acceso ao crédito.
 
A sucesión de Feixoo vai condicionar a acción de goberno do Partido Popular. Os populares están convencidos de que o seu próximo candidato debe saír do círculo do Goberno e o seu proceso de elección debe ser ordenado, para evitar o acontecido no momento do relevo de Manuel Fraga. Porén outras fontes dan por feito un proceso de primarias.
 
Ana Pontón debe certificar o seu liderado na oposición. Se os resultados das pasadas eleccións galegas colocaron os nacionalistas á fronte da mesma, a práctica política vai confirmar ou non a xefatura. Pola súa banda, Gonzalo Caballero ten varias batallas por diante, a primeira e máis importante rematar a lexislatura como secretario xeral dos socialistas galegos, cuestión que non semella doada pola oposición interna, encabezada polos socialistas coruñeses e pontevedreses.

Comentarios