As cifras reais de persoas falecidas nas residencias galegas por mor da pandemia non van transcender. Polo menos de momento. O PSdeG levou esta terza feira unha moción ao Parlamento para coñecer os datos por centros residenciais, mais o PPdeG bloqueou este compromiso para a Xunta cos seus votos en contra.
A deputada socialista Mariña Ortega afirmou que existen “790 razóns” para facer un exercicio de transparencia e fornecer listaxes claras e investigar infraestrutura por infraestrutura o que pasou desde que comezou a crise da Covid-19.
De feito, esas 790 vítimas son as que tiñan vínculo cos xeriátricos, segundo os datos oficiais que ten comunicado a Consellaría de Sanidade, se ben nos últimos meses facer o seguimento complicouse pola mestura de finadas de varios días ou sen datos, como aconteceu o ano pasado no peor momento da pandemia.
Ortega xustificou a petición do grupo apelando á “memoria” e “dignidade” das familias das vítimas. Tamén para que se teza un protocolo para enfermidades contaxiosas no que se “blinde aos maiores” antes de que remate este ano.
O PSdeG tamén pediu un incremento no número de técnicas que supervisan as residencias, pois no país hai sete, sendo o segundo territorio do Estado español “con menor cifra”. Ao seu parecer isto responde á xestión da Xunta marcada por “máis privatización e menos inspección”.
Tamén o BNG foi crítico ao respecto da política seguida polo Goberno galego, pero a oposición quedou lonxe de conseguir a información que demandaba.
O deputado do PPdeG Alberto Pazos defendeu o traballo da Xunta afirmando que a incidencia nas instalacións tivo “un mellor comportamento que o conxunto de España e Europa”. Así os populares acabaron votando en contra de que o Executivo galego comunique unhas estatísticas máis polo miúdo.
Consultas presenciais
Igualmente negouse a deixar saír adiante a iniciativa do BNG que exixía que, unha vez rematado o estado de alarma, as consultas na Atención Primaria sexan presenciais ao 100% de novo.
A representante do Bloque Montse Prado solicitou un plan de recuperación do servizo con máis recursos e profesionais, dado que denunciou os recortes na asistencia a pacientes. Mais para os populares aínda non pode ser así porque aínda hai unha pandemia.