mércores 19/05/21

O BNG reclama o "desconfinamento" da Atención Primaria co regreso á presencialidade das citas "ao 100 por 100"

Propón  un “Plan de choque” de 200 millóns de euros para reforzar a atención nos centros de saúde e convocar 6.000 prazas vacantes no Sergas.

ANA PONTÓN_ATENCIÓN 1ª_3 DE MAIO (3)
Montse Prado, Iria Carreira e Ana Pontón.

O BNG reclamou "o desconfinamento" da Atención Primaria na Galiza co regreso á presencialidade das citas "ao 100%" posto que, segundo indicou a líder nacionalista, Ana Pontón, recibir atención médica no primeiro nivel asistencial converteuse "nunha odisea" para os galegos e as galegas.

Pontón fixo estas declaracións ás portas do centro de saúde de Galeras, en Santiago de Compostela, onde, acompañada polas deputadas Montse Prado e Iria Carreira, acusou a Xunta de "usar" a pandemia para dar "unha nova volta de torca" á sanidade pública en Galiza.

"Este retroceso en Atención Primaria é a guinda á demolición do sistema sanitario público, que parece a obsesión do señor Feixoo", aseverou a portavoz nacional do Bloque, que puxo o acento en que o primeiro nivel asistencial do Sergas é vítima "dun acoso e derrubo nos últimos anos por parte do PP".

Ademais, preguntouse "en que momento" o presidente "decidiu que era normal" que a cidadanía "teña que esperar dúas semanas para acudir a unha cita co médico de Atención Primaria" ou que "no canto de atenderche o teu médico teñas un contestador automático" ao que dirixirse.

Neste sentido, alertou que este sistema de acceso ás citas en Atención Primaria está a derivar na "exclusión" de certos sectores da poboación, como as persoas maiores, e que, en xeral, "o que fai é empeorar a saúde pública" en Galiza.

"Temos moi claro que o obxectivo é o 100 % de presencialidade. Todo o persoal sanitario está vacinado e non hai escusa para usar esta pandemia para dar unha volta de torca máis á hora de demoler a sanidade pública", incidiu.

Ademais, Pontón tamén fixo fincapé en que o persoal dos centros de saúde está "exhausto" despois de máis dun ano de pandemia e de "meses reclamando máis medios, recursos e atención" que, di, non está a atopar resposta por parte da Administración autonómica.

Así as cousas, advertiu de que existe "un colapso" da Atención Primaria en Galiza "que é o resultado deliberado das políticas do PP" após doce anos de Feixoo en San Caetano, que se traducen, segundo Pontón, en que Galiza inviste "45 millóns de euros menos" en atención primaria que en 2009.

Para afrontar este tema, o BNG propón, ademais de retornar á presencialidade plena nas citas dos centros de saúde, a articulación dun plan de reforzo da Atención primaria dotado cun orzamento de 200 millóns de euros que sirvan para "fortalecer a base do sistema sanitario".

Ademais, Pontón demandou a convocatoria das 6.000 prazas vacantes que existen no Servizo Galego de Saúde, xa que a súa cobertura permitiría "robustecer un sistema sanitario público que leva anos de recortes" e que, agora, tamén fai fronte á "fatiga pandémica" que deixa máis dun ano da crise do covid-19.

comentarios