O Goberno da Coruña ultima o convenio da Aesia e elude valorar os recursos granadinos contra a súa designación

Xuntos por Granada afirma que A Coruña "non ofrecía nin o mellor proxecto nin a mellor puntuación posíbel".
De esquerda a dereita, José Miñóns, Nadia Calviño, Inés Rei e Valentín González Formoso, nunha visita á futura sede da Aesia o pasado decembro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera De esquerda a dereita, José Miñóns, Nadia Calviño, Inés Rei e Valentín González Formoso, nunha visita á futura sede da Aesia o pasado decembro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, rexeitou pronunciarse esta terza feira sobre o recurso contencioso-administrativo presentado pola asociación Sociedade Civil de Granada Xuntos por Granada perante o Tribunal Supremo contra o acordo do Consello de Ministros polo que se determinou que a cidade herculina sexa sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia).

"Non vou facer ningún comentario", sentenciou a rexedora, ao tempo que asegurou que non se pronuncia sobre "procedementos xudiciais doutras administracións", en relación ao recurso presentado tamén polo Concello de Granada para impugnar a elección da sede da Aesia.

Cuestionada, así mesmo, pola situación do proceso de rehabilitación no que se atopa o edificio da Terraza, actual sede na cidade de RTVE e futura sede da Axencia, a alcaldesa explicou que "se está traballando co Ministerio na redacción do convenio que hai que formalizar para o uso do edificio".

"Virán proximamente os técnicos para ver cales son as obras que hai que facer para que empece a funcionar", puntualizou Rei en relación a esta cuestión.

O recurso

Desde Xuntos por Granada afirman no seu recurso que A Coruña "non ofrecía nin o mellor proxecto nin a mellor puntuación posíbel a obter polos concursantes, a teor dos criterios fixados polo real decreto polo que se estabelece o procedemento".

Consideran que a orixe coruñesa da ministra Nadia Calviño "induciu" a súa designación. "Foi seleccionada por considerarse, só pola opinión da ministra do ramo, que era a que mellor se adecuaba aos requisitos estabelecidos polo decreto", sosteñen.

A candidatura granadina, valora o colectivo no seu recurso xudicial era "a de maior nivel en todos os conceptos", polo que fala dunha "resolución arbitraria" do concurso por parte do Goberno español.

Comentarios