Corina Porro: "Vigo mudou moito. Hai unha imposición permanente"

Entrevistamos a nº2 da candidatura do PP por Pontevedra.
Corina Porro
photo_camera A ex alcaldesa Corina Porro é a número 2 por Pontevedra polo PP, seguindo na lista a Núñez Feixoo.

Cales deberían ser as primeiras medidas do novo Goberno?

A crise sanitaria trae tamén unha crise económica e outra social. Por iso hai que seguir poñendo en marcha medidas como a de dedicar máis de 3.000 millóns de euros para recuperación da economía e políticas dirixidas a axudar o sector industrial, turístico e o comercio. E temos tamén que axudar as persoas, sobre todo a quen perdeu o traballo.

A gran diferenza no número de contaxios e mortes entre as residencias públicas e as privadas non lle fai pensar en que cómpre un modelo público?

Eu fun a primeira muller que se puxo ao cargo dunha Consellaría de Asuntos Sociais, tocoume a min creala hai anos. Daquela implantouse un plan galego de persoas maiores, pondo en marcha 26 residencias. Agora, un dos temas estrela é o de crear 7 grandes residencias para os 7 grandes núcleos de poboación. En Vigo vaise facer unha gran residencia pública na Etea (Teis), con 150 camas. E serán totalmente públicas.

Tivo un papel visíbel como delegada da Xunta na xestión da crise nas residencias. Profesionais da xerontoloxía alertaron do perigo que supuña manter maiores con Covid-19 nestes centros en lugar de levalos a hospitais. Que opinión lle merece?

Nunca tomamos ningunha decisión sen o comité de expertos médicos da área sanitaria. Loitouse por todas as persoas exactamente por igual e, do mesmo modo que había enfermos de Covid-19 nas casas, porque podían estar nos seus fogares; tamén había persoas maiores nas súas vivendas, maiores en residencias e maiores hospitalizadas. Todo dependeu de cada caso porque cada persoa é distinta e o criterio que se utilizou con cada enfermo dependeu sempre do diagnóstico médico.

Hai confrontación continua en Vigo entre a Xunta e o Concello. Non tocaría sentar a falar?

Ao largo da miña vida, como alcaldesa, membro do Consello Social, no Porto ou na Xunta, dei mostras sobradas de que son capaz de dialogar e de atopar puntos de encontro. Cos sindicatos ou co BNG nunca tiven problema en chegar a acordos para primar o interese xeral.

Vigo mudou moito. Deixou de existir o diálogo entre Administracións. Hai unha imposición permanente, por non chamalo unha ditadura permanente á que está sometida a cidade. Sempre estiven namorada de Vigo, ten unha forza extraordinaria, mais agora a xente ten medo a definirse porque lle quitan a subvención, como no movemento veciñal. Hai un alcalde que quere ver controlada a cidadanía. O presidente da Xunta reuniuse cos alcaldes das seis cidades galegas, menos co de Vigo porque el non quere.

Comentarios