18-F | Investigación

As Consellarías de Rueda destinaron desde decembro máis de 1,7 millóns a publicidade en medios

Desde decembro de 2023 até esta mesma quinta feira as Consellarías do Goberno que preside Alfonso Rueda asinaron 168 contratos menores directos con grupos mediáticos da Galiza e de fóra por un montante superior a 1,7 millóns de euros destinados a campañas publicitarias, informacións pagadas por distintos departamentos e á compra de exemplares de distintos xornais.

Alfonso Rueda, á dereita, na reunión desta quinta feira do Consello da Xunta coas súas conselleiras e conselleiros. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, á dereita, na reunión desta quinta feira do Consello da Xunta coas súas conselleiras e conselleiros. (Foto: Arxina)

En só dous meses, e a menos de dez días das eleccións galegas do 18 de febreiro, as distintas Consellarías da Xunta da Galiza que preside Alfonso Rueda levan gastado en cartos públicos destinados a medios de comunicación perto de 1,7 millóns de euros. Segundo os datos que figuran no apartado de "contratos menores" da plataforma da Xunta, as once Consellarías do Goberno de Rueda e seis Secretarías Xerais son capaces mesmo, como no caso de Política Social ou Medio Rural, de gastar nun só día 300.000 e 165.000 euros, respectivamente, en mercar exemplares de xornais, pagar páxinas de "información redaccional" e publicidade institucional, todo en contratos adxudicados sen concorrencia, o que se coñece como adxudicado "a dedo".

Xa no pasado mes de decembro, coa convocatoria electoral anunciada o día 22 polo presidente da Xunta, a factura de contratos menores con medios de comunicación (galegos e de fóra da Galiza) chegou a sumar máis de 711.000 euros. Desde ese mes, o Goberno de Alfonso Rueda foi quen de asinar 105 contratos menores, como analizou O Salto Galiza, sen negociación e directos con grupos mediáticos por este importe, con conceptos xenéricos de "contidos e reportaxes".

Convocadas as eleccións, e logo de diversas advertencias da Xunta Electoral ás que o Goberno galego non fixo caso, os datos oficiais de contratos publicados na propia web institucional reflicten que o Executivo de Rueda, a través das 11 Consellarías e de seis Secretarías Xerais detalladas na súa web do portal de contratación, sumou até o pasado 7 de febreiro un total de 1.747.201 euros en perto de 168 contratos con distintos medios de comunicación.

Escolma de xornais para centros sociais

Á vista dos datos oficiais publicados na web da Xunta, resultan curiosos casos como os da Consellaría de Política Social, que publicou nun só día —o 5 deste mes, cando se emitiu o único debate electoral na CRTVGnove contratos de subscricións a medios de prensa escrita que suman perto de 300.000 euros. Todos eles, sendo subscricións a xornais destinadas aos centros adscritos a esta Consellaría, teñen montantes tan dispares polo número de xornais mercados como os 94.494,44 euros de La Voz de Galicia fronte aos 35.520 euros de El Correo Gallego.

O reparto destas subscricións por 300.000 euros deixan un claro balanzo positivo cara a La Voz de Galicia (con eses 94.494,44 euros). Polo mesmo, o grupo Prensa Ibérica (El Correo Gallego, Faro de Vigo e La Opinión) suma nestes contratos 70.604 euros, O grupo La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa, Diario de Bergantiños) vende os mesmos xornais por 15.604 euros, no caso de Diario de Pontevedra e El Progreso suman 59.601 euros e os xornais do grupo La Región (La Región e Atlántico) alcanzan unha cifra de 43.986 euros.

'ABC' e 'Libertad Digital'

Ao non existir un procedemento público con concorrencia de medios, é a Xunta e a Consellaría correspondente en cada caso a que decide os xornais que len as usuarias e os usuarios dos seus centros dependentes. A discrecionalidade tamén se manifesta nas reportaxes pagadas e campañas en medios de comunicación de Madrid. É o caso do ABC ou de Libertad Digital. Entre estes dous xornais de ideoloxía conservadora suman en dous meses máis de 56.000 euros en contratos menores coa Xunta de Galiza.

O pasado 12 de xaneiro, a Secretaría Xeral de Emigración pagou ao medio Libertad Digital 6.050 euros por "accións divulgativas sobre diferentes programas". No caso do diario ABC, a Consellaría de Medio Rural abonou por publicidade no xornal en xaneiro 17.700 euros aos que hai que engadir outros 5.000 que a Xunta lle contratou a comezos dese mes pola divulgación da posta en marcha da oficina móbil de asesoramento aos emigrantes retornados.

O ABC sumou ademais en decembro 8.470 euros da Consellaría de Infraestruturas por unha reportaxe sobre o Corredor Atlántico, 9.680 da Axencia Galega de Infraestruturas por un especial sobre estradas intelixentes e 9.000 euros que recibiu o xornal da Consellaría de Política Social en concepto de "sen contido".

Campañas "a dedo"

Ao abordar as campañas de publicidade institucional, poderíase pensar que van destinadas a todos e cada un dos medios de comunicación que traballan no país. Non é así. A Xunta lanza campañas ás que poden concorrer todos os medios de comunicación que o desexaren, pero a maiores resérvase accións publicitarias de gran contía económica coas que só paga a uns poucos medios elixidos. É o caso recente das accións desenvolvidas pola Xunta no Nadal, polas que a Secretaría Xeral de Medios de Alfonso Rueda pagou publicidade a Editorial Prensa Ibérica (El Correo Gallego, Faro de Vigo e La Opinión), ao grupo La Capital no Diario de Bergantiños, a El Progreso e a La Voz de Galicia.

De todos modos, as contías destes contratos menores polos mesmos encartes en prensa escrita reflicten as preferencias da Secretaría Xeral de Medios. A mesma campaña custou 9.750 euros en tres xornais de Prensa Ibérica, 4.500 para El Progreso, 3.000 no caso do Diario de Bergantiños e para La Voz de Galicia o monto subiu a 11.999,99 euros.

Tamén á vista dos contratos menores con medios da Xunta descóbrese que houbo unha campaña pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) que padeceron explotacións gandeiras de todo o país hai uns meses. Mentres o resto dos medios informaron ao respecto e recibiron a contagotas datos oficiais -como no caso deste xornal-, a Xunta pagou información ao respecto ao Grupo La Capital por importe de 9.450 euros e ao Grupo Prensa Ibérica un total de 6.352 euros.

Este modo de proceder dáse en máis departamentos, xa que acudindo aos datos oficiais, a Secretaría Xeral de Igualdade pagou a comezos de xaneiro unha campaña de publicidade de promoción da nova lei aprobada no Parlamento da Galiza por 40.000 euros a unha escolma de medios. Neste caso La Capital recibiu máis de 5.000 euros, Lérez Ediciones (Diario de Pontevedra) 3.000 euros, Prensa Ibérica perto de 8.000, La Región 3.500 euros, El Progreso perto de 4.500 e no caso de La Voz de Galicia o montante ascendeu a 12.000 euros.

Estes dous meses (decembro e xaneiro) foron especialmente importantes en materia electoral, e febreiro coincide coa aparición de contratos menores da Consellaría do Medio Rural de 12.000 euros para dúas páxinas dun suplemento e contidos web e reportaxe sobre as Denominacións de Orixe no xornal Galicia en el Mundo, con especial difusión entre os colectivos galegos do chamado "voto emigrante". En total 12.000 euros da Consellaría do Medio Rural e outros 6.000 euros para o medio EspaExterior para a promoción dos queixos e o mel galegos no exterior.

O resto dos medios de comunicación galegos (e mesmo do Estado, xa que ABC e Libertad Digital son os únicos na listaxe da Xunta) non foron tidos en conta en dous meses de precampaña e campaña electoral para participar en anuncios institucionais e outras iniciativas de promoción e divulgación que a Xunta da Galiza paga cos cartos públicos.

Só casos coma a Revista Grial, a Revista Axenda Agraria, Edicións do Limia, Nós a xente do redor, Revista ECO, A Televisión do Salnés e Gráficas Monterrei aparecen entre estes contratos menores da Xunta dos últimos dous meses, entre eles non suman unha páxina de publicidade en La Voz de Galicia —cando menos, ao prezo a que as paga a Xunta—.


Críticas ao "gasto electoralista"

O pasado mes de decembro Alfonso Rueda convocaba as eleccións galegas para o 18 de febreiro. Só nese mes de Nadal, a Xunta da Galiza xa asinou 105 contratos menores sen negociación con medios de comunicación por máis de 711.000 euros. A listaxe de medios beneficiados por esta cifra de cartos públicos no tempo de desconto: La Voz de Galicia, Editorial Prensa Ibérica, Grupo La Capital, El Progreso, Lérez Edicións, La Región e os madrileños ABC e mais Libertad Digital.

Son salientábeis ademais contratos como o firmado pola Xunta da Galiza no pasado mes de decembro coa sección audiovisual do grupo La Región, no que o Goberno de Alfonso Rueda asinou tres contratos con distintas Consellarías para os seus 'Cafés de redacción', entrevistas que custaron aos galegos e ás galegas máis de 50.000 euros e que, no caso da do conselleiro do Mar, alcanzou apenas unha ducia de visitas na canle de YouTube deste medio de comunicación ourensán. Aliás, o Goberno presidido por Alfonso Rueda pagou en decembro perto de 27.000 euros ao ABC para publicitar en Madrid o Corredor Atlántico e as estradas intelixentes que supostamente ten a Galiza.

Consultando a plataforma de contratación da Xunta da Galiza proliferan as campañas publicitarias "a dedo", as informacións redaccionais pagadas polo Goberno, os encartes en xornais elixidos sen concorrencia e mesmo máis de 50.000 euros nun servizo externalizado de seguimento de medios que paga a Presidencia da Xunta da Galiza e a maiores todas as Consellarías.

Comentarios