O Congreso insta o Goberno de Pedro Sánchez a intervir Alcoa

Néstor Rego consegue o apoio á proposta do BNG
O deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

O BNG conseguiu esta quinta feira aprobar unha iniciativa na Comisión de Industria e Turismo do Congreso español instando o Goberno estatal a realizar as actuacións necesarias que permitan garantir a continuidade da actividade industrial na planta de Alcoa en San Cibrao, en Cervo (A Mariña), así como asegurar o mantemento dos postos de traballo.

Foi co voto a favor do seu deputado, Néstor Rego, e cos do PP, fronte ao voto en contra do PSOE e a abstención de Sumar e Vox. PNV, Junts e Bildu non estaban presentes. 

Rego destacou a necesidade de iniciar un proceso de intervención pública amparándose na recente hemeroteca e as actuacións levadas a cabo polo Executivo estatal. "O Goberno español entrou no accionariado de Celsa Atlantic e acaba de entrar no de Telefónica, polo que tamén se pode facer no caso de Alcoa", afirmou. Lembrou, ademais, que ningunha norma nin española nin europea o impide, e que mesmo recentemente o Goberno italiano nacionalizou a planta que ArcelorMittal ten nese Estado. 

A iniciativa, obxecto dunha proposta transaccional, obtivo o apoio maioritario da Cámara baixa e o deputado nacionalista destacou o punto aprobado para que, se fose preciso, a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) adquira a planta, activando a intervención pública. "E busque un operador fiábel que presente un proxecto industrial solvente e de futuro co obxectivo de garantir a continuidade da actividade e o mantemento de todos os postos de traballo", dixo. 

Outro dos puntos aprobados corresponde ao mantemento da bonificación de peaxes do 80% á industria electrointensiva con carácter permanente, así como a modificación do Estatuto do Consumidor Electrointensivo para crear a figura das Empresas Hiper-Electrointensivas, e garantir a máxima compensación por dióxido de carbono permitida pola UE.

A postura de Sumar

A pesar de que os deputados e as deputadas de Sumar se abstiveron esta quinta feira na votación da iniciativa do BNG, a formación rosada na Galiza emitiu un comunicado mostrando "o seu decidido apoio á continuidade da actividade industrial en San Cibrao e o mantemento dos postos de traballo de Alcoa". "As Administracións públicas teñen que comprometerse co proxecto", afirmaron.

Comentarios