Alcoa ve "incerto" o éxito da venda da factoría mariñá e insiste en mudar o acordo de viabilidade

O comité de empresa avisaba esta quinta feira de que non van modificar o acordo de viabilidade asinado hai apenas un ano.
Instalacións de Alcoa, no municipio mariñán de Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Instalacións de Alcoa, no municipio mariñán de Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Alcoa sostén que o éxito do proceso de venda da factoría de San Cibrao, no municipio de Cervo (A Mariña) "é incerto", polo que insiste en traballar "nunha solución de viabilidade a longo prazo" e modificar o acordo alcanzado co persoal hai apenas dun ano, á vez que aposta por medidas no ámbito laboral que a compañía presentará ao comité de empresa proximamente.

Así, Alcoa prevé que os fondos dispoñíbeis se esgoten na segunda metade do ano 2024, por tanto, "podería ter que afrontar unha situación de insolvencia". A respecto desta cuestión, o comité de empresa avisaba esta quinta feira de que non van modificar o acordo de viabilidade asinado, á vez que revelaba que a multinacional aposta por un programa de baixas voluntarias.

Nun comunicado esta sexta feira, a multinacional estadounidense do aluminio apunta que na reunión de seguimento da pasada quinta feira realizouse unha análise financeira a cinco anos do complexo de San Cibrao que arroxa perdas e asegura que "só a partir de 2027" se empezará "a producir fluxo de caixa positivo".

Neste sentido, a CIG considerou xa en marzo que "Alcoa segue na súa folla de ruta avanzando cara a un desenlace que cada vez ten máis semellanza ao acontecido na Coruña ou en Avilés [Asturias], que coa conivencia dos respectivos Gobernos, culminou co fechamento e co despece das factorías".

Posíbel venda da factoría mariñá

A multinacional incide en que iniciou o contacto con potenciais compradores para unha venda do complexo, con ofertas non vinculantes ao redor de mediados de maio, do mesmo modo que a quinta feira se expuxo que se prevén vinculantes a mediados de xuño.

"Neste contexto avaliarase proximamente co Goberno de España e a Xunta da Galiza a participación de ambas as Administracións nesta posible venda", agregou a empresa norteamericana sobre a posibilidade de deixar en mans alleas o futuro da fábrica mariñá.

Precisamente, a Xunta e o Goberno estatal fecharán un acordo de confidencialidade coa compañía para velar pola "seriedade" das empresas interesadas "no exame das ofertas", segundo explicaba a quinta feira a conselleira de Economía, María Jesús Lourenzá.

Comentarios