A instancias do BNG

O Congreso insta o Goberno estatal a garantir unha "transición xusta real" nas Pontes

A Comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico do Congreso aprobou unha iniciativa do BNG para instar o Goberno do Estado a garantir unha" transición xusta real" para As Pontes (comarca do Eume). A votación contou con 17 votos a favor (BNG, EH Bildu, ERC e PP) contra 15 votos en contra dos partidos que compoñen o Goberno do Estado, PSOE e Sumar.
Central térmica das Pontes, na comarca do Eume. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)
photo_camera Central térmica das Pontes, na comarca do Eume. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, celebrou esta segunda feira que a Cámara baixa apoiase a reclamación do BNG para que o Goberno do Estado manteña os 1.400 MW de capacidade de evacuación e inste o Goberno a convocar o concurso de transición xusta nas Pontes.

O deputado nacionalista explicou que, segundo os datos fornecidos pola Rede Eléctrica Española, a capacidade actual da central térmica das Pontes é de 0 MW. "Non se sabe como nas Pontes 'desapareceron' 1.400MW. Como non desapareceron, temos que presupor que foron adxudicadas a determinadas empresas mais, a verdade, é que facelo desa maneira implica furtar a posibilidade de que se poida realizar un concurso de transición xusta nesta localidade", afirmou Rego.

O nacionalista citou un estudo da Universidade da Coruña que afirma que se poderían perder "até 14 000 postos de traballo, entre directos e indirectos" nas Pontes.

Para Rego a situación é de "discriminación" en comparanza co que está a acontecer noutros puntos do Estado, "onde se están a realizar concursos para garantir a implantación de novas actividades económicas".É o caso, exemplificou, da central de Andorra, en Teruel, onde se garantiu un investimento de 1.200 millóns e a creación de máis de 2.500 postos de traballo: "non só no sector enerxético senón tamén noutras actividades asociadas".

"Hai quen argumenta que é unha decisión técnica mais isto é unha decisión política", afirmou Rego, quen acrecentou que ao BNG non lle "serve" o "anuncio de que o Goberno se compromete á construción dunha nova subestación de entre 400-700 MW. En todo caso sería unha capacidade engadida á que xa existía".

No concreto, a proposición non de lei recolle a necesidade de "manter os 1.400 MW de capacidade de evacuación que tiña asignada a central térmica das Pontes no nó de transición xusta do Concello das Pontes".

Como segundo punto, aprobado na Comisión, o Congreso insta o Goberno a proceder á convocatoria inmediata e urxente do Concurso de transición xusta co mesmo procedemento empregado para adxudicar o acceso ao nó de Transición da CT de Andorra-Teruel. A iniciativa, subliña o deputado do BNG, procura garantir as condicións socioeconómicas necesarias para "unha verdadeira transición xusta coa execución de proxectos empresariais e industriais alternativos de continuidade, momento no que a súa capacidade tamén deberá ser obxecto de concurso".

Por último, demandan ao Ministerio á convocatoria inmediata e urxente da Mesa de transición xusta das Pontes.

Comentarios