PAULA V. VERAO, ANOVA

''De haber unha confluencia do nacionalismo, esta será desde a base e implicando a cidadanía’’

Integrante do Coordenadora Nacional de Anova é unha das voces de Cerna, corrente interna da Irmandade Nacionalista.

paula verao

Cerna naceu o pasado mes de xuño como corrente interna no seo de Anova-Irmandade Nacionalista, unha plasmación para moitos do que se coñece como ‘sector crítico’ ou ‘sector nacionalista’ de Anova, definición que quizás non recolla toda a heteroxeneidade e complexidade desta proposta política. Falamos cunha das súas integrantes, Paula Vázquez Verao, de Sober, de nacionalismo, a cita coas municipais ou o escenario político após as eleccións europeas.

A que resposta o nacemento de Cerna?

A idea ao crear Cerna era a de non ser unha proposta máis, senón facer unha achega nestes momentos nos que hai un sentir de creba democrática, unha achega para impulsar, cara ás municipais, o nacemento de candidaturas abertas, desde a base, sen condicións. Para nós, o resultado das eleccións europeas amosou que a cidadanía quere e aposta por proxectos desde a base.

E como pode concretarse esa aposta en candidaturas desde a base?

Falamos de candidaturas abertas, de recuperar o espírito dunha cidadanía implicada para as municipais. É unha achega que aposta na xente en rexime de auto-convocatoria, sen vetos nin apriorismos, cuns mínimos comúns en base aos que ir traballando. Queremos recuperar as prácticas da esquerda, desde a base, e tamén apostando na auto-organización como pobo.

A chamada a construír desde a base candidaturas para as municipais está a ser feita por diferentes organizacións, como BNG ou Anova..

Fai falla dar pasos nese sentido, moitos máis pasos. Non podemos pensar que esta dinámica se limita só a abrir as organizacións, non, é moito máis. Entendemos que a proposta de asembleas abertas do BNG é insuficiente, teñen que facer procesos asemblearios onde a cidadanía sexa a protagonista.

Cando Cerna fala da base, de se abrir á sociedade, á que axentes se refire?

Pois non nos referimos só aos movementos sociais, que tamén, senón á xente que se auto-organiza ou que aspira a iso. Queremos evitar caer no de se referir só a movementos socias auto-referenciais, senón que queremos lograr que sexa algo que implique e sexa asumido pola cidadanía.

E nesa aposta, que papel debe xogar o nacionalismo?

O nacionalismo entendido como movemento socio-político ten que inserirse na onda democrática. Galiza como pobo ten que ter peso, ser un pobo organizado, nese escenario de reformulación que se está a dar do Estado español. E entendemos que ten que haber unha confluencia do nacionalismo coa cidadanía desde a base, respectando a autonomía local e avogando pola auto-organización.

En Outono hai cita na II Asemblea Nacional de Anova. Cal é a pretensión de Cerna cara á esa cita?

Unha cousa que temos moi clara en Cerna é que a cuestión interna non é prioritaria. Si que é prioritaria a confluencia cidadá, e non o propio acontecer das diferentes organizacións.

Cres que a curto prazo é posíbel unha confluencia do nacionalismo?

Cremos que, de darse, esa confluencia do nacionalismo, debe ser desde a base. O nacionalismo é plural, é un movemento moi amplo. Sendo conscientes diso, unha confluencia tería que ser pola base, implicando a cidadanía e asumindo a radicalidade democrática. Ser unha expresión social e política que asume que ten que dar a voz á cidadanía, que ao fin e ao cabo é a que é a nación.

Comentarios