As conexións políticas de Copasa

A construtora galega foi sinalada por Luis Bárcenas como doante do PP.
Tren de alta velocidade da Meca, en Arabia Saudita. (Foto: Nós Diario) #copasa #pp #ppdeg #financiación #ave
photo_camera Tren de alta velocidade da Meca, en Arabia Saudita. (Foto: Nós Diario)

Copasa volve estar no foco despois de que a pasada semana se coñecera que a compañía galega foi sancionada cunha multa de 5,6 millóns de euros pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) por facer parte, supostamente, dun cartel de grandes construtoras que alterou licitacións do Ministerio de Fomento para o mantemento de estradas. Segundo a CNMC, Copasa mais outras once empresas adxudicáronse, entre 2014 e 2018, 71 licitacións por unha contía total de 530 millóns de euros, o que representou o 62% do orzamento destinado pola Administración estatal á conservación da súa rede de estradas.

A construtora galega embolsouse 26,91 millóns de euros con este operativo. Neste sentido, a resolución da CNMC, adiantada por Nós Diario, sinalou que entre xullo de 2014 e decembro de 2018 Copasa participaría en 101 licitacións, acollendo a súa sede ourensá diversas reunións entre empresas de obra civil para, supostamente, concertar prezos e pactar ofertas coas que acudir aos concursos públicos. Na mesma liña, o regulador destacou que a empresa non ofreceu “unha explicación alternativa plausíbel á existencia do cartel que xustifique a súa forma de presentar ofertas”, tras apuntar nas alegacións que as súas propostas responderon a “criterios de racionalidade económica”.

A compañía, constituída en 1985 e dirixida desde entón por José Luis Suárez, apareceu sinalada nos anos 90 pola súa proximidade ao Partido Popular (PP).

Así, nunca crónica publicada en abril de 1995 no diario El País afirmábase que “Copasa experimentou unha grande expansión comercial coincidindo coa volta dos populares ao Goberno galego en 1990”, destacábase que Suárez partillaba negocios co deputado do PP Aurelio Miras Portugal e indicábase a relación coa mercantil de Higinio Palmou, irmán do dirixente popular Jesús Palmou.

A contabilidade do PP galego entregada en xullo de 2013 polo tesoureiro da formación, Luis Bárcenas, ao xuíz da Audiencia Nacional Pablo Ruz apuntou outra vez a Copasa. Nun informe elaborado en 2006 polo xerente do PP galego, Modesto Fernández, onde se recollían doazóns de 19 grupos empresariais, cuxo importe superaba nalgúns casos o límite legal fixado pola lexislación, aparecía a construtora como primeira doante dos populares, cunha achega de 380.245 euros. Detrás dela, significábanse outros grupos empresariais ligados á obra civil, como FCC, CRC Ramón Carro, ACS ou o grupo Campo, ás obras hidráulicas, como Espina y Delfín, ou ao xogo, como Egasa.

Os responsábeis de Copasa negaron a veracidade destas doazóns, na liña da maioría das empresas sinaladas no informe de Modesto Fernández. A construtora con sede en Ourense foi unha das grandes beneficiadas nos contratos públicos da Xunta na época de Manuel Fraga, como adxudicataria de importantes obras na Cidade da Cultura, e na etapa de Alberto Núñez Feixoo, de quen recibiu a construción e explotación por 30 anos da autoestrada de Ourense a Celanova.

O AVE á Meca

As obras do AVE de Medina á Meca en Arabia Saudita é outra das frontes de Copasa. A compañía galega fixo parte do consorcio de empresas adxudicatarias do contrato de alta velocidade, actualmente baixo sospeita polos presuntos pagos de comisións, que salpicaron o propio rei emérito, Juan Carlos de Borbón. Neste contexto, o antigo delegado da compañía nas Illes Balears, Jesús Díaz Barreiros denunciou o roubo de material comprometedor para a construtora galega e confirmou diversos traballos de mediación diante das autoridades sauditas.

Comentarios