mércores 08.04.2020

Concellos de Galiza e do Norte do Portugal conectaranse a través dunha Axenda Dixital Local

Pontevedra acolleu unha reunión dos concellos e vilas do Eixo Atlántico que definiu a estratexia dixital da zona
Pazo de Mugartegui
Pazo de Mugartegui

A Comisión de Planeamento, Innovación e Territorio do Eixo Atlántico mantivo unha reunión onte no Pazo de Mugartegui, Pontevedra, na que se tratou a Axenda Dixital Local e o Xeoportal. Quince cidades e vilas da Galiza e o do Norte de Portugal, un total de 35 técnicos e responsábeis políticos, falaron da que será a estratexia dixital como instrumento para o acceso a fondos comunitarios no período 2012-2020.

O Xeoportal ten capacidade de actuar como unha base de datos territoriais de libre acceso da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Permitirá o cálculo de indicadores de ordenación do territorio e contará coa función adicional de servir como ferramenta de monitorización da xestión do territorio. A Xunta investiu un total de 234.000 € nesta ferramenta dixital (a posta en marcha tivo un custe de 53.690 € e este ano o orzamento foi de case 180.000 €).

Na reunión celebrada en Pontevedra participaron quince cidades e vilas do Eixo Atlántico


Un dos obxectivos deste proxecto é a posibilidade de informar polo miúdo de todo o territorio da Eurorrexión. A información susceptíbel de ser representada (estradas, entidades de poboación, usos do solo ou espazos protexidos por exemplo) estará contida no Xeoportal, que permitirá mellorar a toma de decisións en materia de planificación territorial sostíbel. A cidadanía pode acceder a esta información a través da web da Xunta de Galiza.

Un dos asistentes a esta reunión foi o concelleiro responsábel da Sociedade do Coñecemento, Luís Bará, quen  incidiu “na necesidade de que a Axenda estea ao servizo da cohesión social e territorial, e do acceso igualitario de toda a cidadanía á sociedade do coñecemento”. O documento final da Axenda Dixital Local incluirá directrices de modernización das administracións locais e un catálogo de fontes de financiamento na estratexia 2014-2020.

Concellos de Galiza e do Norte do Portugal conectaranse a través dunha Axenda Dixital...
comentarios