Os concellos critican que o Goberno de Feixoo lles traslade a responsabilidade fronte aos brotes

A Fegamp advirte da falta de medios e recursos humanos para atender as medidas impostas en peches como o da Mariña.

O uso da máscara será obrigatorio onde non se garantan os dous metros de distancia (Imaxe: Marta Fernández Jara)
photo_camera O uso da máscara será obrigatorio onde non se garantan os dous metros de distancia Foto: Marta Fernández Jara)

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) censurou que o Goberno de Núñez Feixoo traslade aos alcaldes e alcaldesas a responsabilidade de exercer como "autoridade sanitaria" en episodios de peches de áreas por brotes de Covid-19, como o que foi decretado para a comarca da Mariña.

A entidade que preside o rexedor de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, saíu ao paso das medidas recollidas polo Diario Oficial de Galiza (DOG) do domingo referentes ao peche da comarca do norte do país até a vindeira sexta feira para combater o brote de coronavirus.

A Fegamp critica que a Consellería de Sanidade impoña a alcaldes e alcadesas a consideración de "autoridade santiaria" segundo a cal deberán "garantir a vixilancia, inspección e control do cumprimento" das medidas decretadas nos seus municipios.

A federación lembra que a Lei reguladora de Bases de Réxime Local establece que a xestión de crises sanitarias recae na Dirección Xeral de Saúde, é dicir, na Xunta e que, por tanto, corresponde á Administración autonómica coordinar, achegar medios e elaborar plans de actuación para facer fronte a situacións como a aberta na Mariña.

Neste sentido, os concellos advirten das súas "limitacións" en canto a recursos humanos e materiais para facer fronte ás funcións que lle adxudica a Xunta. Como exemplo diso, sinalan que "o 60%" dos concellos galegos carecen de Policía Local e que un "número significativo" de municipios con este corpo contan con cadros minguados pola taxa de reposición.

Así as cousas, as entidades locais reivindican o traballo realizado ao longo desta crise sanitaria "asumindo funcións engadidas e mesmo impropias sen dispor de medios extraordinarios para o seu desenvolvemento", polo que demandan á Xunta que asuma as súas responsabilidades para que "a protección da saúde sexa igual para todos os galegos independentemente da facenda local de cada concello".

Comentarios