Paula Vázquez Verao

"Para 2020 espero un goberno liderado por Luís Villares"

Esta quinta feira quen toma a palabra no #VenhanMáisCinco e a parlamentar de En Marea e militante de Cerna, Paula Vázquez Verao.

Paula Vázquez Verao
photo_camera Paula Vázquez Verao, no centro da imaxe

-Como ves o estado actual da política galega?

-Continúa en movemento, na medida en que responde a unha situación social de desigualdade consolidada durante a crise, cuns niveis de paro, precariedade laboral e pobreza inaceptables, e coa degradación constante dos servizos públicos; condicións materiais precarias das que a maioría social ten identificado como responsable o poder económico-financeiro. Así, a necesidade dun cambio nos gobernos do Estado e na Xunta para, canto menos, deter as políticas máis lesivas para a maioría social é aínda máis urxente que hai uns anos. Nin rematou a crise da economía produtiva nin se detivo a pulsión social por transformar o réxime político e xurídico no Estado español, malia a propaganda e malia as forzas políticas non ter conseguido – de momento – expulsar o PP das institucións, e a frustración que isto puidera ter xerado. Continúan as tensións sociais e políticas e continúa a oportunidade de situar a nosa nación como actor protagonista na re-configuración democrática do Estado.

-Que evolución agardas para os próximos 5 anos?

Agardo que Sermos continúe a súa andaina cinco anos máis e gustaríame que se centrase nos temas sociais de fondo

-Agardo que o pobo galego asuma un papel protagonista na necesaria “creba democrática” no Estado español. Cómpre unha alianza cívica para defender a vida, defender as condicións de vida dignas que nos seguen a roubar descarada e impunemente, como comprobamos día a día coas novas financeiras (custe do rescate á banca, venta do Popular-Pastor, aumento dos desafiuzamentos no País…). En Galiza, para 2020, agardo que as forzas nacionalistas e da esquerda e a sociedade organizada galega consigamos expulsar o PP da Xunta e conformar un goberno liderado por Luís Villares que deteña a destrución á que o PP somete a lingua, a cultura, os sectores produtivos ou os servizos públicos e que inicie cambios estruturais no modelo de País, a nivel económico, territorial e social, o que require, tamén, máis soberanía política. Este obxectivo esixe audacia, traballo de fondo en alternativas políticas compartidas por capas sociais amplas e moita xenerosidade, pero pode conseguirse se temos en mente o sufrimento de quen sobrevive coa RISGA, das persoas maiores cada vez máis soas no rural, de quen non pode manter quente o fogar no inverno ou de quen ten que emigrar para aspirar a un futuro laboral estable.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Agardo que continúe a súa andaina cinco anos máis e gustaríame que se centrase nos temas sociais de fondo e nos debates e entrevistas que achegan cada semana unha análise da actualidade máis sosegada que o modelo de inmediatez e simplificación das “tertulias políticas” tan en boga.

Comentarios