Formoso marca como obxectivo das municipais “gobernar a maioría da sociedade galega dende os concellos”

O secretario xeral do PSdeG presidiu a primeira reunión para a elaboración da Ponencia Marco que servirá para “definir o esencial do que vai a ser o partido no ámbito das municipais”.

formoso

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, remarcou este sábado que o partido está “cargado de ilusión” de cara ás eleccións municipais e sinala o obxectivo de gobernar “a maioría da sociedade galega dende os concellos”.

Formoso presidiu a primeira reunión do PSdeG para elaborar a Ponencia Marco de cara ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. O documento que se elaborará “vai definir o esencial do que vai a ser este partido no ámbito das municipais”, asegurou.

A formación socialista dálle relevancia a estes comicios, xa que entende que os municipios “son o núcleo esencial da política”, sendo que o seu partido está especialmente ligado a eles, polo que asegurou que “os grandes avances da sociedade, soñáronse primeiro nunha casa do pobo socialista”, en referencia ao nome das sedes do partido.

Para Formoso sen o seu partido non sen entenderían as cidades e vilas galegas da actualidade, xa que para el “levan o selo do Partido Socialista e da súa xente”.

Resaltou que afrontan este proceso electoral “cargados de ilusión”, recalcando que “palpamos esa ilusión na rúa, nos compañeiros e compañeiras que están hoxe aquí”, en referencia aos poñentes dorograma electoral.

O documentos será elaborado por un total de 26 relatores que estarán coordinados polo presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, pola alcaldesa de Cambados, María Barral, e polo Delegado do Goberno en Galicia, José Miñóns.

Dixo Formoso que senten “a confianza da cidadanía, a empatía co noso partido e a confianza”, nunha formación que destaca polo seu carácter “de goberno e institucional”. Continuou remarcando como valor extra esa experiencia, xa que “levamos gobernado o país nas distintas institucións” e en especial “nos grandes e medianos concellos galegos durante tantos e tantos anos”.

Formoso fixa “obxectivos ambiciosos”, revalidando “o éxito das anteriores municipais” para “seguir sendo a forza que goberne á maioría dos galegos e galegas”. Remarcou que todos estes elementos fan que sexan distintos aos seus contrincantes electorais.

En contraposición aos socialistas, encontra Formoso “unha forza de dereitas” á cal a sociedade galega “deu as costas constantemente no eido municipal, referíndose ao PP”. Por outra parte, cre que hai unha formación que ten un proxecto “identitario” e que vai contra “a lóxica progresista do momento”, pretendendo “pór un muro arredor da Galiza”, polo BNG.

Comentarios