Eleccións municipais

A comarca da Mariña pide paso

Os concellos demandan industria, emprego e infraestruturas para medrar.
Pancarta colocada por traballadores da fábrica de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pancarta colocada por traballadores da fábrica de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Europa Press)

A Mariña é unha das comarcas máis heteroxéneas da Galiza. Os seus sectores produtivos, os emerxentes e as súas potencialidades están coutados polos problemas de infraestruturas e comunicacións que esta comarca padece desde hai case 40 anos. Saír da Mariña cara a Lugo supón 1 hora e 15 minutos de viaxe, e é o percorrido máis curto para comunicar as mariñás e os mariñáns co resto da Galiza. O viario do Cantábrico non acaba de rematarse e isto, ademais dos problemas de comunicación domésticos, supón un hándicap engadido a nivel empresarial e industrial. 

A ameaza do feche de Alcoa sacudiu A Mariña e puxo en pé a veciñanza e os concellos

Precisamente a industria, e concretamente Alcoa (en San Cibrao, Cervo), ten sido nos últimos tempos un novo sinal de alarma entre a poboación. Alcoa ten empregadas máis de 2.000 persoas nos concellos de toda a comarca, e a ameaza de feche supuxo e supón o medo da poboación a unha nova desindustrialización que xa nos últimos 10 anos provocou a perda de moitos postos de traballo, riqueza e desenvolvemento comarcal. 

As mariñás e os mariñáns coinciden na lembranza: “Alcoa veu aquí porque no seu momento ningún sitio da Galiza quería unha industria deste tipo co seu impacto paisaxístico e medioambiental”. Pasados os anos o emprego xerado por Alcoa e as auxiliares paliaron en boa parte a desfeita provocada hai 10 anos na Mariña polo feche de empresas punteiras e a perda de milleiros de empregos na zona. Por iso, a ameaza do feche de Alcoa sacudiu A Mariña con medos do pasado e puxo en pé de loita veciños e veciñas e os seus Gobernos locais, pelexando para que as Administracións impidan unha nova desindustrialización da comarca.

Os concellos da Mariña afrontan o mandato que saia das urnas o 28-M coa esperanza de que as alcaldesas e os alcaldes sexan quen de sacalos do illamento infraestrutural, de potenciar os sectores produtivos que están a competir en desigualdade de condicións con outras zonas, e que teñan a visión de futuro precisa para que o punteiro auxe turístico da zona sexa xestionado de forma que non acabe por morrer de éxito.

Xestión do turismo

A costa da comarca acolle segundas vivendas de veraneo de moitos turistas

A comarca conta cunha mancomunidade de concellos que dedica os seus esforzos á promoción turística, desigual segundo o municipio, porque as políticas urbanísticas do pasado acaban pasando factura 40 anos despois. A Mariña é viveiro de segundas vivendas de veraneo de turistas que foxen da calor e da masificación. Pero isto que semella algo positivo convértese nun auténtico problema de xestión para o sector servizos de municipios que teñen 3.000 clientes a maior parte do ano e un par de meses multiplican por cinco a súa clientela.

A Mariña loita agora, cos seus concellos aparentemente unidos, por desestacionalizar o turismo, por vender en feiras internacionais a súa oferta para todo o ano. A mancomunidade é quen se encarga desta tarefa, pero moitos concellos acusan a institución de estar politizada. En todo caso as alcaldesas e os alcaldes coinciden en que queda moito turisticamente por explotar e teñen unha estratexia de destino turístico común que facilita ademais a proximidade entre os distintos núcleos pola xeografía da zona.

Infraestruturas e servizos

O comercio local e o sector servizos son os grandes interesados en que esta estratexia logre a fórmula do éxito definitivo para a zona. A pandemia provocou importantes minguas neste sector, as axudas directas dos concellos paliaron parte do problema pero ao comercio local aínda lle queda por despegar, por adaptarse ás novas tecnoloxías e fomentar as súas vendas por internet. A paisaxe da Mariña deixa abraiada calquera persoa. Pero na comarca queren ademais que a xente quede a vivir nela, que xere riqueza, emprego e aumento da poboación, e iso non pasa en todos os concellos por igual. 

Hai casos como o de Barreiros, que nos últimos catro anos aumentou a súa poboación, pero noutros concellos repítese o patrón de despoboamento que a Galiza vén sufrindo nas últimas décadas e son, entre outras, as políticas municipais as que a partir do 28 de maio teñen que pór remedio a este problema.

A Mariña reclama mellor sanidade pública, quere voltar a ser centro neurálxico da atención sanitaria na zona e non un simple distrito que provoca o deterioro da sanidade pública nesta área. Os concellos da comarca queren contar con máis e mellores servizos básicos para mellorar a calidade de vida da súa cidadanía.

Eucaliptización

O monocultivo de eucalipto na Mariña deixou en cada un dos seus concellos 1 millón de toneladas de madeira en stock en 2021. Son datos de Produtores de Madeira da Galiza (Promagal), que asegura que “non se pode plantar máis na zona, está todo plantado”. A Mariña converteuse nun dos principais abastecedores da pasteira Ence na localidade asturiana de Navia. Na comarca hai 1.000 montes de eucalipto ilegal. A moratoria da Xunta que só permite plantar eucalipto onde xa está plantado chega tarde á Mariña. Entre as alternativas á eucaliptización fica pular pola silvicultura, a ordenación das plantacións e a política forestal sostíbel.

Alcaldías mariñás érguense contra o deserto industrial

Alfonso Villares (Cervo), Ana Ermida (Barreiros) e María Loureiro (Viveiro). (Foto: Nós Diario)
Alfonso Villares (Cervo), Ana Ermida (Barreiros) e María Loureiro (Viveiro). (Foto: Nós Diario)

Tres Alcaldías da Mariña: a do PP de Cervo (Alfonso Villares), a do BNG de Barreiros (Ana Ermida) e a do PSdeG de Viveiro (María Loureiro), as tres teñen unha preocupación común, a da industria e o emprego na comarca e nomeadamente nos seus respectivos concellos. Os 2.000 empregos de Alcoa na Mariña teñen en xaque os distintos Gobernos locais. Independentemente da súa cor política, todos explican que a industria principal da Mariña “non pode fechar”, e inciden no seu apoio ás demandas do comité de empresa e ás negociacións “encauzadas”, segundo din, para confirmar o futuro de Alcoa na Mariña. Son moitos postos de traballo, e precisamente a industria e o emprego son os puntos fortes nas demandas e programas electorais destas alcaldesas e alcalde. 

A pesca

Tamén o sector pesqueiro, outro dos motores da Mariña, cos importantes portos de Burela e Celeiro (Viveiro), preocupa a nivel político. Conscientes de ser a comarca “máis dinámica da provincia”, a pesca preocupa ao BNG “porque temos políticas deseñadas desde outros lugares que nos poñen na picota”, pero tamén ao alcalde popular de Cervo, que pon o acento en que “o traballo na pesca cada vez é menos atractivo e iso fai perigar a nosa economía comarcal”. Para o PSdeG na Mariña “a pesca é fundamental”.

O emprego e a industria, no centro das preocupacións

Ana Ermida (BNG) sinala a Nós Diario que a destrución de emprego na zona nos últimos anos “expulsa a poboación da Mariña”, e considera que a pesar das escasas competencias municipais “somos os concellos os que temos que facer de panca de cambio” desta situación. Ana Ermida explica que "cómpre potenciar todo o que temos e propiciar políticas que beneficien A Mariña”. A alcaldesa de Barreiros destaca ademais problemas “perentorios” na Atención Primaria e Hospitalaria na comarca “agora só somos un distrito sanitario o que ten provocado un deterioro insoportábel da sanidade pública na zona”.

O alcalde de Cervo tamén está preocupado polo “tema Alcoa”. Villares é claro en conversa con este xornal: “queremos que Alcoa non marche, xera riqueza e emprego” e apunta á tarifa eléctrica e á normativa da UE como puntos que o Goberno do Estado ten que tocar para resolver esta situación. Villares tamén coincide coas outras alcaldesas no déficit de infraestruturas e comunicacións “Unha cousa é estar afastados e outra incomunicados. O alcalde insta as distintas administración responsábeis a que solventen “con urxencia” asuntos como a N-642 ou o viario do Cantábrico.

A socialista María Loureiro  pon énfase na necesidade dun plan industrial para A Mariña, e ten claro que é a Xunta quen ten que tomar cartas no asunto. Fala tamén de infraestruturas, tema no que “a Mariña sempre estivo abandonada, é unha materia pendente que temos todas as Alcaldías” e "todas teñen que demandar da Xunta un plan industrial que xere emprego e “evite que a mocidade marche”.

A Mariña ten unha Mancomunidade onde están todas as Alcaldías, presidida pola de Foz, que dedica os seus esforzos a outro dos sectores que está por desenvolver na zona: o turismo. A modo de exemplo, Barreiros é o segundo concello de Galiza, só detrás de Sanxenxo, que máis multiplica a súa poboación estival. Pero na Mariña teñen claro que o turismo hai que potencialo “pero tamén xestionalo con sentido”. 

Maioría de Gobernos municipais de nacionalistas e socialistas

Número de habitantes en cada concello da Mariña. (Foto: Nós Diario)
Número de habitantes en cada concello da Mariña. (Foto: Nós Diario)

7 dos concellos da Mariña teñen Alcaldías do PSdeG (Foz e O Valadouro co apoio do BNG), 2 do BNG (Barreiros co PSdeG e Ribadeo) e 4 do PP (Mondoñedo, Xove Cervo e O Vicedo). Nas municipais do 28-M son estas as formacións con máis listas, pero hai doutras cores como en Viveiro, con candidatos de Podemos e Vox; en Ribadeo co Partido Galeguista; en Burela con Son Burela; Vía Alfoz preséntase tamén e no Valadouro concorren Partido Galego e Udival.

Comentarios