domingo 12.07.2020
Eleccións

A coalición de Galicia en Común, pendente das candidatas de Anova

Pablo Iglesias arroupará o sábado a Gómez-Reino nun acto na Coruña.
O candidato de Galicia en Común-Anova-Mareas, Antón Gómez-Reino (Nós Diario).
O candidato de Galicia en Común-Anova-Mareas, Antón Gómez-Reino (Nós Diario).

A pasada sexta feira, a escasos dez minutos de que desen as doce da noite, representantes de Podemos, Esquerda Unida e Anova discorrían ás présas polos corredores do Parlamento da Galiza. Estaba a piques de rematar o prazo para rexistrar a confluencia na Xunta Electoral e trasladaran a súa negociación alí por mor de non ficar todas fóra da carreira ao 5 de abril. Había que estar no Pazo do Hórreo para asegurar a coalición e as negociadoras estaban "bloqueadas" após 48 horas de intensas conversas. O agora candidato de Galicia en Común-Anova-Mareas, Antón Gómez-Reino, chegou directo de Madrid para resolver os últimos escollos e todo rematou a un minuto de que chegase o sábado. Agora tócalles decidir as candidaturas e teñen até o domingo para pechar as listas cremalleira.

"As posibilidades de cambio real no país están aí", dicía onte Martiño Noriega, designado por Anova para liderar as negociacións co espazo político, no Bos Días da TVG, após reafirmar que "as tres sensibilidades do espectro da esquerda no país van acudir dunha maneira nidia" aos comicios galegos e que "non se vai disgregar o voto".

O pacto asinado tivo moi en conta unha enquisa interna de Podemos, desas que fan os partidos para coñecer a súa posición real, realizada hai dúas semanas con Gómez-Reino xa perfilado como candidato. Segundo puido saber Nós Diario, nesa enquisa Podemos obtería, presentándose só, máis dun 8% dos votos e, contando coa retirada de En Marea e a suma de Anova, a formación morada estima en máis dun 12% dos votos o punto de partida para a coalición. Porcentaxe que se traduciría en "sete ou oito deputadas". Nesa mesma enquisa, o PP perdería a maioría absoluta por "entre un e dous escanos".

Baseándose nestes datos, o pacto xa repartiu as tres primeiras posicións nas candidaturas da Coruña e Pontevedra e as cabezas de lista por Lugo e Ourense, pois considérase que son "postos de saída".

Desta maneira, no acordo repártese o número un pola Coruña para Unidas Podemos, lugar que ocupará Antón Gómez-Reino, que será proclamado candidato de Podemos Galicia esta quinta feira e arroupado polo líder morado, Pablo Iglesias, nunha conferencia política este sábado tamén na Coruña. O segundo posto é para Podemos e está reservado para a actual deputada do Grupo Común da Esquerda Luca Chao, que tamén vai de segunda na candidatura de Gómez-Reino ás primarias moradas. E o terceiro ten que ocupalo alguén de Anova, que poderían ser Martiño Noriega ou o portavoz da formación fundada por Xosé Manuel Beiras, Antón Sánchez. Aínda que onte Anova non confirmou nomes nin informou de ningunha reunión coa militancia esta semana.

Eva Solla, líder de Esquerda Unida e do Partido Comunista na Galiza, será a cabeza de lista por Pontevedra. As dúbidas están na segunda posición, pois Anova non concretou aínda a quen van colocar, de escoller unha muller, como se espera desde o espazo segundo as fontes consultadas por Nós Diario; o tres sería para Marcos Cal, de Podemos, e tamén deputado.  

O número un por Ourense pertence a Podemos, que elixirá a David Bruzos. E o de Lugo é para Anova. Aquí é onde aumentan as especulacións, pois os nacionalistas poden situar o ex deputado no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello ou o propio Noriega, de non concorrer pola Coruña.

comentarios