venres 24/09/21

Cayo Lara (IU): "Catalunya dentro de España" nunhas condicións que "hai que falar e negociar"

O líder de Izquierda Unida reitera o posicionamento da súa formación a respeito do dereito de autodeterminación catalán. Se conseguen o referendo, di, IU votará en contra da independencia e defenderá "o Estado federal". Unha Catalunya independente, sinalou, "sería mao para o resto de España"

Cayo Lara
Cayo Lara

A poucas semanas da Diada e cos preparativos da cadea humana que abrazará Catalunya a prol da independencia, o coordenador federal de Izquierda Unida, Cayo Lara, insistiu no posicionamento que mantén a súa formación política a respeito da independencia catalá. 

Se Catalunya consegue finalmente convocar un referendo de autodeterminación, IU "votará en contra da independencia", subliñou Lara. Para IU, Catalunya debe encaixar nun modelo de "Estado federal" e cunhas condicións que "hai que falar e negociar", apuntou. 

Cayo Lara: "Non imos defender nunca o troceo do Estado" pois a independencia dun dos seus territorios, di, "é mao para o resto"

A solución ao avanzo soberanista catalán, considerou Cayo Lara, pasa por re-organizar o modelo territorial español cara ao federalismo mais IU non apoiará a independencia pois, dixo, "sería mao para o resto de España". 

As declaracións do coordenador federal de IU, manifestadas perante a imprensa esta segunda feira, insisten no posicionamento expresado por Lara nos últimos meses. O líder de IU xa asegurou noutras ocasións que Catalunya non pode decidir o seu futuro "unilateralmente", embora reiterou que a súa formación política defende o dereito a decidir libremente. No entanto, engadiu o pasado mes de xaneiro Cayo Lara, "non hai decisións unilaterais que se poidan tomar por parte de ninguén". 

O modelo territorial defendido por IU é o do "Estado federal" no que conviva "perfectamente" toda a cidadanía pois a independencia, recuncou, sería algo "tráxico" e "mao" para o Estado español. "Non imos defender nunca", lembrou, "o troceo do Estado". 

comentarios