Castro Caldelas repite eleccións nunha semana: ás urnas o 26 de novembro

O municipio de Castro Caldelas prepárase para repetir o domingo 26 de novembro as eleccións municipais, tal e como decretou a xunta electoral ao estimar que se rompeu a custodia e que non se contabilizaron un total de 118 votos por correo.
Colexio electoral na Coruña
photo_camera Papeletas nun colexio electoral. (Foto Nós Diario).

A veciñanza de Castro Caldelas poderá exercer o seu dereito ao voto o próximo domingo, 26 de novembro, nas tres mesas que se habilitan no municipio e que estarán situadas no Centro de Saúde, no colexio e no Concello entre as 9 e as 20 horas.

Na localidade hai certa tensión política, tendo en conta que nos comicios de maio as 118 papeletas impugnadas poderían virar o resultado.

A actual alcaldesa en funcións, a socialista Sara Inés Veiga, obtivo a maioría absoluta ao lograr cinco concelleiros por 27 votos, mentres que o PP obtivo catro.

O PSdeG aspira a manter a maioría

En declaracións a Europa Press, a rexedora en funcións e candidata socialista á reelección explicou que non se entende "por que" non se custodiaron eses votos, un feito polo que hai "malestar" na localidade.

Con todo, explica que o municipio afronta con normalidade a cita coas urnas que se prevé "descafeinada" polo feito de que non hai campaña electoral e que só se procederá a repetir as votacións.

Deste xeito, a xornada electoral contará coas mesmas papeletas que as habilitadas para as votacións do 28 de maio, tendo en conta que non pode haber cambios nas candidaturas. Ademais, os membros das mesas electorais serán os mesmos que os elixidos para a pasada cita coas urnas.

O PP, á espreita

Pola súa parte, o candidato do PP á Alcaldía, César Enríquez Diéguez 'Cachín', asegurou que afronta a cita "con moita ilusión e ganas" convencido de que se abre unha oportunidade para "gobernar Castro Caldelas".

Conforme lembrou, o resultado foi "moi apertado" e só 27 votos marcaron a diferenza da maioría absoluta nun contexto no que máis de 100 papeletas foron impugnadas.

O BNG busca ser chave

Aínda que non lograron representación nos comicios do pasado mes de maio, os nacionalistas galegos aseguran que afrontan a repetición electoral con "moito interese" e o obxectivo de converterse en formación chave para "desequilibrar a balanza" nun contexto de polarización do voto entre os socialistas e os populares.

"Podemos ser chave e aínda que, segundo os datos de maio estamos lonxe de obter representación, temos aspiracións en poder conseguila", sinala en declaracións a Europa Press en responsábel comarcal do BNG en Ourense, Sarín Núñez.

Ademais, sobre as irregularidades na custodia do voto por correo, o político nacionalista confiou en que estas non se repitan e que a xente poida "emitir o seu voto con completas garantías".

Comentarios