Castro Caldelas repite as eleccións municipais o 26 de novembro, anuladas por non contarse 118 votos

A polémica en Castro Caldelas parte dunha suposta fraude de voto por correo nunha residencia de anciáns denunciada polo PP.
Unha persoa deposita o seu voto nunha urna nun colexio electoral de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Unha persoa deposita o seu voto nunha urna nun colexio electoral de Lugo o pasado 28 de maio, día das eleccións municipais. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O Consello de Ministras e Ministros aprobou un decreto polo que convoca eleccións locais para o domingo 26 de novembro en máis de 40 municipios do Estado nos que non se proclamou ningunha candidatura no 28-M ou se declarou a nulidade total ou parcial do resultado neses comicios, como foi o caso de Castro Caldelas (comarca de Caldelas), con pouco máis dun milleiro de habitantes.

Neste concello, a xunta electoral decidiu que se repetisen os comicios porque rompeu a cadea de custodia e non se contabilizaron 118 votos por correo que poderían decantar o resultado, xa que a actual alcaldesa en funcións, Sara Inés Vega (PSdeG), obtivo a maioría absoluta por 27 papeletas. A ministra portavoz en funcións, Isabel Rodríguez, comunicou, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros desta segunda feira, a aprobación da data destes comicios locais parciais.

En concreto, cifrou en 44 municipios do Estado os que terán eleccións o vindeiro domingo 26 de novembro, despois de que ou ben non se proclamasen candidaturas ou ben a Xunta Electoral competente declarase a nulidade dos resultados. Segundo explicou, trátase da "culminación" do proceso electoral de municipais decorridas o pasado 28 de maio, nestes máis de 40 localidades.

Estas eleccións tamén terán a súa campaña electoral, que terá unha duración de 15 días, que comezará ás 00 horas do venres 10 de novembro e finalizará o venres 24 de novembro.

Votos nunha residencia

A polémica no municipio galego parte dunha suposta fraude de voto por correo nunha residencia de anciáns denunciada polo PP. A Xunta Electoral de Zona trasladara ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución da Pobra de Trives o caso e o xuíz decidiu -o 25 de maio, tres días antes dos comicios- devolver só a catro maiores do centro o seu dereito para votar en urna.

Así, durante a propia xornada electoral, o domingo 28 de maio, a Xunta Electoral de Zona acordou non introducir nas urnas os votos por correo que fosen impugnadas "como mal menor", ante a posibilidade de que os populares impugnasen a totalidade das mesas da circunscrición. Así, non se meteron estes sufraxios pero, supostamente, ían ser valorados "posteriormente".

O PSdeG apostaba por que estes votos fosen contabilizados directamente pola Xunta Electoral de Zona "para non privar do dereito de sufraxio" a estas máis de 100 persoas. Por iso, unha vez as papeletas estaban xa en Madrid, solicitou igualmente un reconto á Xunta Electoral Central.

Con todo, este organismo considerou que "non hai lugar xa, a esta altura do proceso electoral", a realización deste escrutinio, "dado o prolongado tempo transcorrido" desde o 28 de maio "e os inusuais avatares que experimentaron eses votos" até a súa custodia pola Xunta Electoral Central, a pesar de estar "sempre baixo vixilancia do persoal do arquivo". Ademais, adoptou esta "grave decisión" de decretar a nulidade dos comicios en Castro Caldelas porque estes 118 votos poderían condicionar o resultado.

Cabe lembrar que o PSdeG da actual alcaldesa en funcións, Sara Inés Vega, obtivo unha maioría absoluta por unha marxe de 27 papeletas sobre o PP. Foron as únicas dúas forzas que obtiveron representación na corporación.

Comentarios