As candidatas de Sumar ao 23-X por Galiza reivindican o "estilo Yolanda"

Marta Lois asegura que o partido "vén para quedar".
Añón, Aleixandre, Lois, Martínez e Ermida, esta quinta feira, en Compostela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Añón, Aleixandre, Lois, Martínez e Ermida, esta quinta feira, en Compostela. (Foto: Europa Press)

As candidatas ás eleccións do 23-X polas circunscricións galegas de Sumar reivindicaron esta quinta feira en Compostela no acto de presentación o que cualificaron como "estilo Yolanda". "Por estilo Yolanda entendemos menos ruído, máis diálogo e política de resultados", destacou a presidenta de Sumar e cabeza de lista da candidatura desta formación ao Congreso pola Coruña, Marta Lois.

Na súa intervención, sostivo que as galegas e galegos progresistas queren que Yolanda Díaz sexa presidenta porque "ten sobradas credenciais de bo Goberno e boa xestión".

No acto participaron o número un por Lugo, o profesor da USC José Antonio Rodríguez Añón; a cabeza de lista por Pontevedra, que foi directora xeral de Traballo, Verónica Martínez Barbeiro, e a número dous pola mesma circunscrición, Vera Ermida. Tamén asistiu a candidata ao Senado pola Coruña, a escritora e académica Marilar Aleixandre.

Lois asegurou que a formación liderada por Díaz non nace como "unha aposta a curto prazo" senón que está "a pór os alicerces para traballar a futuro". "Este proxecto vén para quedar", afirmou.

Comentarios