A Cámara aproba esta terza feira en pleno os orzamentos para 2023

A oposición mantén vivas máis de 1.000 emendas.
Comparecencia do presidente galego, Alfonso Rueda, no Parlamento. (Foto: Europa Press)
photo_camera (Foto: Europa Press)

O Parlamento da Galiza aprobará esta terza feira os orzamentos da Xunta para 2023, que se elevan a 16.000 millóns de euros, pondo así o ramo ao proceso iniciado a finais de outubro coa entrega do proxecto de presupostos por parte do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, á Cámara galega.

A maioría do PP no Parlamento botou abaixo a finais de novembro as emendas á totalidade das contas que presentaran o BNG e o PSdeG e esa mesma maioría do Partido Popular sacará adiante hoxe uns orzamentos nos que, durante os debates en comisión, non se lles engadiu nin unha das emendas da oposición ao estado de gastos. Tanto a formación nacionalista como a socialista presentaron senllos escritos a semana pasada nos que solicitaban que esas emendas rexeitadas en comisión se mantivesen 'vivas' para o pleno de hoxe. É dicir, que puidesen volver ser defendidas e votadas.

O Partido Popular non admitiu durante os debates en comisión ningunha das 1.187 emendas presentadas ao estado de gastos dos orzamentos de 2023: 564 do BNG e 623 do PSdeG. 

Pola súa parte, e no que respecta aos debates sobre a lei de acompañamento dos orzamentos decorridos na Cámara, esta chega a pleno após se aprobar 34 emendas durante as sesións en comisións: 27 do PP, dúas do PSdeG e cinco transacionadas.

Pleno ordinario

Os orzamentos para 2023 non van ser o único punto da orde do día desta sesión plenaria que se desenvolve hoxe e mañá. Finalizada a votación das contas, na Cámara abordaranse diversas cuestións, como as relativas á crise sanitaria do  Sergas "e de maneira especial na Atención Primaria", así como ás "graves consecuencias, ambientais, económicas e sociais"  do actual modelo de desenvolvemento eólico  na Galiza, que presenta o BNG. 

A negociación coa Federación Galega de Municipios e Provincias para que os concellos teñan participación nos presupostos da Xunta tamén será albo de discusión, en base a unha iniciativa do PSdeG.

Comentarios