Caballero avanza unha axencia de desenvolvemento rural se chega a Xunta

Con esta promesa o líder das socialistas galegas inspírase nunha medida levada a cabo polo Goberno de Escocia. Caballero asegurou que un Goberno do PSdeG manterá na axenda unha política “de prioridade no rural”."Feixoo prometeu que esta sería a lexislatura do rural, e Feixoo converteu esta lexislatura nun continuo ataque ao medio rural na Galiza, sinalou o líder socialista.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha xornada do laboratorio de ideas do partido (Imaxe: Europa Press)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha xornada do laboratorio de ideas do partido (Imaxe: Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, prometeu o sábado a creación dunha axencia pública de desenvolvemento rural, “inspirada no modelo escocés”, se chega a presidente da Xunta tras os comicios que se celebrarán ao longo deste ano. Así o asegurou nunha xornada do laboratorio de ideas deseñado polo partido para traballar no seu programa electoral.

No encontro, artellado co obxectivo de debullar os retos do medio rural, participaron diversas profesionais, como o xinecólogo do Hospital de Verín Rogelio Viñán ou o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García. Alí, Caballero asegurou que o seu Goberno manterá na axenda “de decisións máis inmediatas” unha política “de prioridade no rural”. Para isto, afirmou, o seu Executivo tomará como referencia o modelo escocés.

O candidato do PSdeG ás eleccións explicou que aplicará “o mellor” deste modelo, con máis de cincuenta anos de desenvolvemento, para aplicalo “nun novo tempo político” se as galegas optan nas urnas por “unha maioría progresista”. A axencia, avanzou, tratará de adoptar decisións “de abaixo cara arriba” para “dar voz e participación ao territorio” cunha “garantía de defensa do rural”.

Caballero enmarcou esta iniciativa no reto de “dar a Galiza un goberno mellor” neste 2020. “Dar a Galiza un Goberno progresista, que teña un proxecto de país e que poda dar resposta aos problemas dos galegos”, engadiu."Feixoo prometeu que esta sería a lexislatura do rural, e Feixoo converteu esta lexislatura nun continuo ataque ao medio rural na Galiza, sinalou o líder socialista, tras prometes que un Goberno "progresista" na Galiza será "a vangarda da defensa da sanidade pública" e censurar a actuación da Xunta no peche do paritorio de Verín.

Comentarios